Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Comeza a redacción Plan Director e Estratéxico de Turismo de Tui

28/01/2019

Estará rematado en dous meses e medio

Tui contará no prazo de dous meses e medio cun Plan Director e Estratéxico de Turismo que marcará un cronograma de actuación no período 2019-2022. Partindo da actual situación, que será analizada durante estas primeiras semanas, realizará unha análise da situación actual co perfil do visitante, a oferta, o mercado e os competidores, redactará un informe DAFO, establecerá os retos e liñas estratéxicas a seguir, e concluirá co deseño de plans de acción e produtos prioritarios.

O alcalde, Carlos Vázquez Padín, xunto a Julio Sánchez, da empresa Valora, adxudicataria da redacción do Plan Director, presentaron este mediodía o incio da redacción deste documento . O acto contou coa presenza do alumnado do módulo de “Promoción turística local e información ao visitante” do obradoiro “Percorre Tui”.

O obxectivo é involucrar ao sector turístico da cidade dende hostalería, restauración, até empresas de turismo activo entre outras. Todas elas serán convocadas a unha mesa de traballo que se realizará en menos dun mes, e tamén se levarán a cabo enquisas on-line para ter así unha imaxe tamén da poboación en xeral sobre o turismo en Tui.

Na presentación deste mediodía o alcalde, Carlos Vázquez Padín, explicou que “entendiamos que era unha tarefa e unha materia pendente deste concello, elaborar un documento, unha folla de ruta, na que traballar sobre un potencial e uns recursos que temos no ámbito do turismo”. Nese senso aludía ao “trío de ases” do Río Miño, o conxunto histórico, e o Parque Natural do Monte Aloia que ten o municipio.

Julio Sánchez  da empresa Valora destacaba a importancia de que calquera destino turístico poida contar cun Plan Director e de Estratéxica Turística.  Destacaba ao tempo a importancia de que a estratexia que se vai plantexar teña a máis ampla colaboración/implicación posible, que sexa un plan codeseñado entre todos.  Apuntaba tamén Julio Sánchez que o obxectivo final é a elaboración dun ou varios produtos turísticos.