Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

A Biblioteca Municipal promove a "Bibliopiscina" para os meses de verán

8/07/2008

A BIBLIOTECA MUNICIPAL OFRECE O SERVIZO DE “BIBLIOPISCINA” NAS PISCINAS MUNICIPAIS

O xoves 17 de xullo "Os contos dos 7 mares" na Piscina Municipal

Como en anos anteriores a Biblioteca Pública Municipal de Tui ofrece aos usuarios da Piscina Municipal o servizo de “Bibliopiscina” para facilitar aos bañistas a posibilidade de achegarse no seu tempo de lecer á lectura, como unha alternativa de ocio ideal para este tempo de verán.

Con tal motivo os responsables da Biblioteca Municipal teñen realizado unha escolma de títulos para nenos e adultos, tanto en galego coma en castelán, que resulten de fácil lectura. Figuran igualmente algunhas obras de carácter turístico sobre Tui e a comarca do Baixo Miño e o Monte Aloia para usuarios foráneos que acceden á piscina no decurso das súas vacacións.

A posta en marcha desta iniciativa por terceiro ano ven avaliada pola boa acollida que esta iniciativa suscitou entre os bañistas, estando previsto renovar a colección de libros depositada na “Bibliopiscina” no vindeiro mes de agosto.

Igualmente coa pretensión de achegar á lectura e as súas múltiples posibilidades á poboación en xeral, a Biblioteca Municipal organiza unha actividade de contacontos na propia piscina municipal. Será a compañía Tusitala teatro que representara naquel escenario a obra “Contos dos sete mares” o vindeiro xoves 17 de xullo ás 18,00 horas.

Para o concelleiro de cultura do Concello de Tui, Moisés Rodríguez Pérez, esta iniciativa de extensión bibliotecaria evidencia, nunca nova oportunidade, o traballo de promoción do libro e a lectura como ferramentas imprescindibles para o desenvolvemento persoal e social e como unha alternativa enriquecedora para o tempo de lecer que leva adiante este Concello a través da Biblioteca Pública Municipal.

Achegar os libros aos lugares onde está a xente e ofertalos como un elemento normalizado da vida persoal e colectiva contribúe de xeito eficaz a acadar unha normalización da lectura entre os nosos veciños, incrementando a súa afección polo libro.