Pronóstico de Tutiempo.net
Facebook Twitter Vimeo

Berrobambán Teatro presenta “Boas noites” este venres ás 20,00 h.

15/05/2009

Será o venres ás 20.00h no Teatro Municipal

Berrobambán Teatro presenta "Boas noites"

O texto de Paula Carballeira gañou o premio Manuel María de Literatura Dramática Infantil

 

Mércores, 13 de maio de 2009. Logo de máis de 40 funcións por toda a Península, a montaxe baseada no texto co que Paula Carballeira gañou o I Premio Manuel María de Literatura Dramática Infantil chega ao Teatro Municipal de Tui. Trátase de "Boas Noites", unha obra infantil que leva a escena Berrobambán Teatro.

 

"Boas Noites" é historia a de Xiana, unha cativa que leva unha vida tan estresada que non ten tempo para xogar e inventar, que é o que realmente lle gusta, por iso, non quere durmir pola noite, xa que descubrir cousas novas. Un día recibe a visita de Pedro Chosco, ese ser máxico que lles leva o sono aos nenos, e decide acompañalo na súa rolda nocturna.

 

A obra conta con música en directo a cargo de Vadim Yukhnevich no acordeón, Begoña Riobó coa zanfona e o violín e Pablo Pérez ao contrabaixo. Ten un ritmo trepidante, unha escenografía chea de trucos e sorpresas, e, sobre todo, moito humor.

 

Jorge Padín dirixe un elenco formado por  Paula Carballeira (nai de Xiana e "Muller do Saco"), Chiqui Pereira, que encarna a Pedro Chosco, Pili Alonso, que interpreta ao clásico Monstro Fedorento, Manolo Panforreteiro, quen, amais de compoñer a música, lle dá vida ao pai de Xiana, e a protagonista: Anabell Gago, gañadora de dous premios María Casares.

 

Recoñecemento do público e a crítica

 

A orixinalidade da proposta conseguiu que, por primeira vez, un espectáculo de teatro infantil fose candidato na categoría de mellor texto nos Premios María Casares, que convoca a Asociación de Actores e Actrices de Galicia. Boas Noites é tamén o primeiro texto teatral que optou ao premio a mellor obra literaria infantil e xuvenil do 2007 convocado pola AELG (Asociación de Escritores en Lingua Galega). O libro co mesmo título, ilustrado por Noemí López e publicado por Edicións Xerais de Galicia, leva xa varios centos de exemplares vendidos. O proxecto Boas Noites non acaba aí: xunto ao libro pódese obter tamén un DVD que contén unha guía interactiva, un recurso multimedia para que o público, ademais de gozar do espectáculo no teatro, poida xogar na casa, volver escoitar as cancións dos personaxes ou aprender máis sobre os seres que nos dan medo, grazas á colaboración de Antonio Reigosa, unha figura referencial no estudo da mitoloxía galega, coautor do Dicionario de seres míticos galegos, editado por Xerais.

 

 

As entradas para este espectáculo están xa á venda en www.culturatui.info. Pódense mercar tamén no despacho de billetes da Área Panorámica o venres dende ás 18.30h. O prezo xeral é de 3€, 2€ con desconto e 2€ para os menores de 12 anos.

 

 

Berrobambán Teatro con "Boas noites"

Data e hora:  Venres 15 ás 20h

Lugar: Teatro Municipal de Tui

Venda de entradas:

-          En www.culturatui.info

-          No despacho de billetes da Área Panorámica o venres dende ás 18.30h.

-          Prezos: 3€ - 2€ con desconto - 2€ menores de 12 anos