Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

A Área Panorámica acolle tres exposicións durante as festas de San Telmo

26/04/2019

Tres son as exposicións que se poden visitar no edifico Área Panorámica durante as festas de San Telmo: unha sobre os 70 anos da escultura de Rosendo Salvado, outra sobre o Teatro Principal, e unha terceira de pintura da tudense Rosa María Vila Iglesias.

A mostra “70 anos da escultura a Rosendo Salvado” conmemora o aniversario da fundición da escultura situada na zona central da Praza da Inmaculada na honra ao tudense Frei Rosendo Salvado. A exposición composta especialmente por fotografías da época, permítenos coñecer ao autor desta obra, o escultor ponteareán Alfonso Quinteiro Alonso, a súa iconografía ou os diferentes materiais que compoñen o monumento.  Tamén se expón o cartel das festas na honra de Rosendo Salvado promovidas polo Concello, xunto a outros documentos que dan conta de todo o proceso e vicisitudes que pasaron para que finalmente a escultura fose realizada e inaugurada en 1950.  

A segunda das exposicións, “Surge et Ambula. A memoria do Teatro Principal” pretende difundir a memoria deste teatro a través de diferentes pezas que formaron parte do mobiliario do Teatro Principal.  A peza estrela desta exposición é o antigo telón, un lenzo de 5,70 por 8,40 m sobre o cal, se pintou unha escenografía na que entre outros motivos se representa unha alegoría ao Rexurdimento ou aparecen elementos que xogan coa profundidade dando unha sensación de realidade á escena. A exposición complétase con material fotográfico, planos do proxecto de rehabilitación de César Portela e pezas históricas ou vinculadas á traxectoria de reivindicación e loita da Fundación Teatro Principal cedidas por esta entidade.

A terceira das mostras desta semana de San Telmo é unha exposición de pintura da plumillista tudense Rosa María Vila Iglesias. É unha mostra de temática tudense formada por 45 obras pictóricas a través da técnica de debuxo a plumilla, acuarela e óleo. Rosa María Vila Iglesias, conta cunha ampla experiencia na pintura. No ano 1998 expuxo por primeira vez na Sala Arzobispo Lago en Tui e conta no seu currículo con máis de 30 exposicións en Tui, en Vigo, na Guarda, e noutros puntos de Galicia, así como en Portugal.

As dúas primeiras exposicións están abertas ao público até o luns 29 de abril na Sala Xacobeo da Área Panorámica, porta 4. O horario  de visita é de luns a venres de 17 a 21.30 h e os sábados, domingo e luns de 11.30 a 14.30 h e de 17.00 a 21.30 h. A exposición de pintura pódese visitar na Sala Municipal de Exposicións da Área Panorámica até o vindeiro martes, 30 de abril en horario de 10.30 a 13.30 h e de 17.30 a 20.30 h.