Pronóstico de Tutiempo.net
Facebook Twitter Vimeo

Aprobadas en pleno as bases reguladoras do programa de axudas Reactiva Tui

29/05/2020

Destínase 280  mil euros ao mantemento e impulso do tecido empresarial local

Reactiva Tui é o nome do Programa Municipal de Axudas Extraordinarias de Emerxencia que ten coma obxectivo mantemento e impulso do tecido empresarial local. Onte en pleno foron aprobadas as bases reguladoras deste programa ao que o Concello de Tui destinará 280 mil euros, procedentes do remanente de tesourería, para impulsar os negocios que tiveron que pechar debido á Covid-19.

A crise sanitaria requiriu a posta en marcha dunha serie de medidas de confinamento e limitación das actividades económicas que están a deixar ao seu paso un escenario económico e empresarial de extrema gravidade. O Concello de Tui, consciente dos retos aos que se enfronta o tecido empresarial local aposta por poñer en marcha un plan de choque de apoio empresarial a escala municipal. Este plan de choque inclúe medidas en distintos ámbitos temáticos, tales como a seguridade e saúde, a fiscalidade, o fomento do uso das tecnoloxías e a promoción económica, entre outros.

A posta en marcha dunha parte destas medidas articúlase a través da concesión de subvencións ás pequenas empresas e autónomos do municipio, cuxas bases reguladoras foron aprobadas onte polo pleno municipal. Á convocatoria, que será publicada no Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra, poderán presentarse os traballadores autónomos, microempresas e pequenas empresas cuxo domicilio fiscal e local comercial afecto á actividade radique no termo municipal de Tui e permanecese pechado ao público como consecuencia das medidas derivadas da declaración do estado de alarma provocado polo COVID-19 .

Catro serán catro as liñas que poderán ser obxecto de subvención:

•          Gastos de aluguer do local comercial efectivamente realizados desde a declaración do estado de alarma ata un máximo de catro meses.

•          Gastos asociados á transición cara ao comercio online ou a optimización do existente.

•          Gastos derivados do cumprimento das especificacións de servizo, limpeza, desinfección, mantemento e xestión do risco derivadas das medidas para a redución do contaxio polo coronavirus SARS- COV-2.

•          Axudas para financiar investimentos para acondicionamento de locais comerciais polos efectos da COVID-19 e para lograr espazos máis seguros.

Os interesados terán un prazo de quince días hábiles para a súa solicitude tras a publicación das bases no Boletín Oficial da Provincia.