Unha visita guiada á igrexa de San Telmo pecha o ciclo “Coñece o noso patrimonio”
Será o próximo martes, ás 20.30 h, a cargo do historiador da arte José Ramón Fernández
O próximo martes, 19 de agosto, finaliza o ciclo de visitas guiadas que ven organizando o Instituto de Estudios Tudenses, coa colaboración do Concello de Tui, ao longo dos meses de xullo e agosto baixo o titulo de “Coñece o noso patrimonio”. Será coa visita á igrexa tudense de San Telmo, un dos referentes do conxunto histórico tudense tanto polo seu valor monumental como pola súa dimensión inmaterial vinculada ao culto e devoción a san Telmo, patrón da cidade.
Constitúe esta igrexa un exemplar único do barroco portugués en Galicia, no que algún estudoso denominan barroco do Norte, influencia da arte de André Soares na rexión do Miño. Foi levantada sobre a casa onde morreu este santo dominico no século XIII, iniciándose a súa construción cara a 1769 aínda que a súa data de finalización se demorou ata 1803. A capela ten planta centralizada, destaca a súa cúpula gallonada ou os interesantes frescos de principios do século XIX.
Sobre estes temas que marcan a evolución histórica e artística deste enclave patrimonial tudense falará na visita José Ramón Fernández Fernández, historiador da arte tudense, que descubrirá para os asistentes diversos aspectos escasamente coñecidos deste templo tudense, emblemático na vida da cidade. Esta visita comezará o martes 19 de agosto ás 20.30 horas na Praza do Concello*.
Este novo ciclo de visitas “Coñece o noso patrimonio” ten resultado altamente exitoso cunha elevada participación de público que para a presidenta do Instituto de Estudios Tudenses, Marta Cendón, evidencia o interese da cidadanía por afondar no coñecemento da riqueza patrimonial tudense.
Pola súa banda, a concelleira de Turismo e Patrimonio, Ana María Núñez, agradece ao Instituto de Estudios tudenses esta iniciativa de divulgación patrimonial e expresa a satisfacción do Concello polo interese suscitado por este ciclo de visitas.
*Modificase o lugar de inicio anunciado anteriormente no adro da igrexa de Sn Telmo.