Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Un obradoiro da ilustradora Aida Alonso abre a programación de Tui en Letras

30/04/2026

Baixo o título “Cal é o teu libro favorito” os cativos crearán con papel os seus personaxe favoritos

O próximo mércores 6 de maio, ás 17.30 h, comeza a programación de Tui en Letras 2026 co obradoiro “Cal é o teu libro favorito?”, impartido pola ilustradora afincada en Tui Aida Alonso. Será na Sala Xacobeo do edificio Francisco Sánchez. 

Este obradoiro vai dirixido a nenos e nenas de 6 a 12 anos, e consistirá en elaborar pequenos personaxes lectores con papel. Serán figuras tridimensionais, que reflectirán cales foron as lecturas preferidas dos e das participantes, buscando así reflexionar cos pequenos e pequenas da casa sobre os mundos que descobren a través dos libros.

Estes personaxes de papel estarán durante todo o mes de maio “habitando” a Biblioteca Municipal de Tui, adornando os andeis dos libros. Unha vez rematada a programación de Tui en Letras, os seus creadores e creadoras poderán recollelos.

As prazas para participar no obradoiro son limitadas, polo que é precisa inscrición previa presencialmente na Biblioteca Municipal de Tui ou no correo biblioteca@tui.gal. Todo o material necesario para a realización do taller está incluído.