Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Un mes de arte local na Oficina Municipal de Turismo coa tenda efémera Mercarte

16/05/2025
Charria Ceramics, Cabuxa, Essentia HM, Mar Jewelrin e Aida Alonso expoñen e venden as súas creacións até o 15 de xuño

Até o próximo 15 de xuño a sala anexa da Oficina Municipal de Turismo acolle Mercarte, unha tenda efémera na que cinco creadoras locais expoñen e venden os seus produtos, comparten o seu proceso creativo e poden conectar directamente coa clientela.

Esta experiencia piloto comeza con cinco marcas locais de diferentes ámbitos de creación artística. Participan Charria Ceramics con pezas de cerámica; Cabuxa con arte en pel; Essentia HM con detalles artesanais; Mar Jewelrin con xoiaría; e Aida Alonso con ilustración.

Mercarte abre as súas portas de luns a venres de 10.30 h a 13.30 h e de 17.00 h a 20.00 h. Os sábados e domingos o horario amplíase até as 21.00 h. Onte xoves inaugurouse o espazo cunha actuación da gaiteira tudense María Pérez.

Esta iniciativa, impulsada polo Concello de Tui a través da Concellería de Comercio, Emprego e Turismo, ten como obxectivo apoiar e impulsar o talento local, proporcionando un espazo no que as persoas emprendedoras e artesás poidan dar visibilidade e comercializar as súas creacións.

Este é un proxecto piloto, e dende o Concello de Tui valórase a posibilidade de repetir esta experiencia nos próximos meses. Para iso, as persoas emprendedoras, artesáns ou creadores emerxentes que non dispoñan dun espazo físico para a venda poderán presentar a súa solicitude ao Concello, onde serán avaliadas as propostas presentadas.