Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Tui prepárase para celebrar un Nadal con propostas para todos os públicos

2/12/2022

O mercado de Nadal e a  música serán dous dos protagonistas, pero non faltarán as actividades infantís, a decoración de rúa,  e a Cabalgata.

“Tui, o Camiño do Nadal” volve ser o lema da programación de Nadal do Cocnello de Tui que se vai celebrar dende o próximo luns 5 de decembro ate o 5 de xaneiro. Música, mercado, decoración, iluminación, obradoiros infantís… son so algunhas das propostas para estas festas en Tui.

O próximo luns, 5 de decembro, comezará no Paseo da Corredoira, o Mercado de Nadal que se vai celebrar durante un mes, até o 6 de decembro, ofrecendo unha ampla variedade de produtos vinculados a estas datas dende gastronomía, decoración, agasallos.  Tamén a partir do luns nas rúas e prazas de Tui poderá verse a decoración elaborada con material de reciclado, segundo a liña iniciada en anos anteriores.

A iluminación de Nadal acenderase o próximo xoves día 8 ás 18.30 h contando coa actuación da Rondalla de Pexegueiro.

Precisamente a música será protagonista destacada nestas festas. Cómpre salientar como a Eurocidade Tui-Valença elaborou unha programación conxunta con agrupacións dos dous municipios. É o caso das actuacións das corais valencianas São Teotónio, e Verdoejo e do Coro Infantil 1º Grau da Academia da Música da Fortaleza de Valença, e das tudenses do Centro Sociocomunitario, Ponte das Febres e San Telmo previstas na praza da República de Valença e no Paseo da Corredoira en Tui o sábado 10 e o domingo11.

Amais a música encherá o Jardim Municipal de Valença e o Paseo da Corredoira de Tui coas charangas tudenses A Tu Ritmo e Cantos Somos, e dos valencianos  Grupo Trío Na(tal) e Río Abaixo o sábado 17 e o domingo 18 de decembro.

O Teatro Municipal de Tui acollerá o mércores 21 o concerto do alumnado do Conservatorio Profesional de Música de Tui, e o venres 23 o concerto de Nadal da Eurocidade a cargo do coros Mistura Vocal e Vocalis Contrasta xunto a Kasual Quartet. Mentres o venres 30 de decembro o Concerto de Fin de Ano será ofrecido pola Banda de Música Popular de Tui xunto ás corais do Centro Sociocomunitario, Ponte das Febres e San Telmo.

Os máis pequenos serán os protagonistas cos obradoiros infantís que terá lugar na Biblioteca Municipal do luns 26 ao xoves 30 de decembro ás 11.30 h. Amais do 2 ao 4 de xaneiro poderán gozar co planetario “Navegando polo Universo”  que se instalará no edificio Francisco. O centro bibliotecario tudense levará a cabo un ano máis o seu Mercado Solidario de Libros entre o luns 5 de decembro e o venres 30 de decembro onde a cidadanía poderá canxear libros por produtos de Nadal non perecedoiros.  Non faltará a súa cita con Tui o Apalpador que o luns 19 ás 19 h estará no Mercado de Nadal ou en caso de choiva no edificio Francisco Sánchez.

A música chegará tamén ao Centro de Día Amoralia e as residencias Paz e Ben e San Telmo coas corais do Centro Sociomunitario, Ponte das Febres e San Telmo , que achegarán parte do seu repertorio as persoas usuarias e residentes neste centros os días 20, 21 e 27 de decembro.

Toda esta programación pecharase coa tradicional Cabalgata de Reis da Eurocidade na tarde do 5 de xaneiro.