Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Tui consolídase como gran porta do Camiño Portugués  

8/05/2026

En abril, o número de peregrinos medrou un 6 %, acumulando un incremento do 9 % no que vai de ano. Da cidade partiron no que vai de ano máis de 5 mil persoas

O Camiño Portugués continúa a súa tendencia ascendente. Así o confirman os datos da Oficina do Peregrino da Catedral de Santiago referidos ao pasado mes de abril cando esta ruta xacobea rexistrou un total de 12.174 peregrinos, o que supón un incremento do 6% respecto ao mesmo período do ano anterior. Este crecemento reafirma a solidez dun itinerario que, no que vai de ano 2026, xa suma 17.095 camiñantes, un 9% máis que en 2025.

 A cidade de Tui reafirma o seu liderado como o punto de partida predilecto dentro da ruta portuguesa. Un total de 4.186 persoas, o 34,75% dos peregrinos deste Camiño,  decidiron comezar a súa andaina en Tui durante o mes de abril.

Amais Tui segue consolidándose como o segundo punto de partida entre todas as rutas xacobeas con 5.804 peregrinos e peregrinas que iniciaron na cidade o seu Camiño, o que representa o 7,74% do total.  A cidade de Tui está so por detrás de Sarria, no Camiño Francés, e supera amplamente os outros puntos de partida tradicionais.

Cómpre destacar que segue tamén en ascenso o perfil internacional do Camiño Portugués xa que o 74% dos peregrinos rexistrados no mes de abril foron estranxeiros, cun total de 8.272 persoas internacionais fronte aos 3.113 peregrinos españois. Entre os países con maior presenza destacan Portugal, Estados Unidos, Alemaña, Italia e Brasil, confirmando a proxección mundial desta ruta e a capacidade de atracción de Tui como destino patrimonial, cultural e turístico. No ámbito nacional, os camiñantes procedentes de Madrid (606), Andalucía (545) e a Comunidade Valenciana (492) lideran as estatísticas do mes. 

No acumulado do ano 2026, o Camiño Portugués suma xa 17.095 peregrinos, cun incremento próximo ao 9% respecto ao pasado exercicio. Neste mesmo período, Tui rexistrou 5.804 peregrinos como punto de inicio, consolidando un posicionamento de enorme relevancia dentro das rutas xacobeas.

A concelleira de Turismo e Patrimonio de Tui, Ana Núñez Álvarez, destaca que este crecemento constante do 9% no acumulado de 2026 "incide positivamente no tecido social, económico e cultural da nosa cidade". A concelleira vincula este éxito “á posición estratéxica, aos valores patrimoniais e históricos e á boa infraestrutura turística" que ofrece Tui aos visitantes. 

A concelleira salienta que estas cifras poderían ser aínda superiores, xa que os rexistros oficiais non contabilizan o fluxo de peregrinos que realizan o trazado oficial do Camiño da Costa a través de Caminha, Valença e Tui como porta de entrada en Galicia, un volume de persoas moi relevante para a economía local.