Tui cambiará o alumeado público de todas as parroquias por tecnoloxía LED
O proxecto do Concello tudense é o único beneficiario da convocatoria do IDAE na provincia de Pontevedra
O Concello de Tui fai unha aposta pola sostenibilidade, o medio ambiente e o aforro enerxético acometendo o proxecto de cambio de todos os puntos de alumeado público das 11 parroquias a tecnoloxía LED.
Esta actuación suporá un investimento de 3.176.793,76 € e conlevará a substitución de 4.721 puntos de luz pública e 94 cadros de mando, nos que se incorporan novas tecnoloxías como telexestión.
O Concello de Tui fará fronte a este investimento a través da segunda convocatoria do programa de axudas para proxectos singulares de renovación das instalacións de iluminación exterior municipal (Proxectos Singulares Iluminación Municipal) a través do IDAE. Este programa de incentivos establece a modalidade de préstamo reembolsable sen interese, sendo compatible con outras axudas que puideran ser concedidas, para a mesma finalidade, por parte doutra administración pública, organismo ou ente público, nacional ou internacional.
O proxecto do Concello de Tui foi o único aprobado nesta convocatoria na provincia de Pontevedra e un dos sete de toda Galicia beneficiarios destas axudas, e o que maior contía recibirá. En concreto Tui tivo 76,34 puntos na baremación das solicitudes situándose no posto 48 entre un total de 70 beneficiarios seleccionados por concorrencia competitiva de acordo cos criterios establecidos nas bases reguladoras e na convocatoria.
Grazas a esta achega o Concello de Tui vai actuar en 4.721 dos 6.415 puntos de luz distribuídos no termo municipal, o que supón o 67% do alumeado municipal. O cambio a tecnoloxía led suporá un aforro enerxético do 57.24%. A redución de consumo en KWh/Ano será de 899486,70 e de 254,52 toneladas de CO2 as que se deixaran de emitir a atmosfera.