Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Tui agarda mañá a miles de persoas no seu XXXVI Concurso Desfile de Entroido

3/03/2025

Todo preparado en Tui para recibir mañá a miles de persoas que gozarán do Martes de Entroido na cidade, onde mañá é festivo local.

As rúas Mártires de Sobredo, Casal Aboy, Compostela, Betanzos, Irmáns Maristas, Ourense e A Guarda transformaranse mañá nun gran escaparate de Entroido polo que desfilarán máis de 1.200 persoas pertecentes a comparsas de Tui, Tomiño, Salceda, O Porriño, Vigo, Soutomaior, Nigrán e Pontecaldelas. A partir das 17.30 h, hora de inicio prevista, estas agrupacións exhibirán todo o traballo realizado ao longo dos últimos meses para dar forma ao  vestiario, complementos, carrozas,  e mesmo coreografías. Un ano máis agárdase que miles de persoas ateiguen estas rúas para presenciar este desfile que acada a súa 36ª edición.  

O xurado estará ao longo do percorrido para valorar a cada comparsa e logo emitir o seu veredicto. Mentres delibera o xurado o público poderá gozar coa actuación do grupo "Unión y Fuerza". O concurso repartirá 5.400€ en premios nas categorías de Xeral, Carroza, Parodia, Coreografía e Música, cunha dotación que vai desde os 900€ para o primeiro premio na categoría xeral ata os 300€ para acompañamento musical. Ademais, o Concello de Tui destina 11.400€ en concepto de participación.

Restricións de tráfico con motivo do desfile

Para garantir o correcto desenvolvemento do evento, establécense varias restricións de tráfico. Así as rúas Mártires de Sobredo, Casal Aboy, Compostela, Betanzos, Irmáns Maristas, Ourense e A Guarda permanecerán pechadas tanto ao estacionamento coma á circulación dende ás 14 h.

Parte do tráfico no centro urbano será desviado polas rúas Augusto G. Besada e Calvo Sotelo, que mañá dende ás 14 h terán dobre sentido de circulación. Nas mesmas estará prohibido o estacionamento dende mañá martes ás 10 h. Dende ás 16 h, e mentres dure o desfile, a parada do autobús de Lugove cambiará da rúa Ourense á rúa Calvo Sotelo

O Enterro do Bacallau, o broche final ao Entroido

A celebración do Entroido en Tui non rematará co desfile, xa que este domingo 9 de marzo, ás 19:30 h, terá lugar o tradicional Enterro do Bacallau, unha cita que de novo será multitudinaria.