Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

As tres corais tudenses interpretan o concerto “O camiño da Estrela: de Tui a Belén”

10/12/2025

Será este venres ás 20.30 h no Teatro Municipal coa narración dun conto máxico coma fío condutor da interpretación coral

A narración dun conto protagonizado por unha nena que vive na contorna da Catedral de Tui será o fío condutor do concerto “O camiño da Estrela: de Tui a Belén” que este venres 12, ás 20.30 h no Teatro Municipal, ofrecerán as tres corais tudenses: San Telmo, Centro Sociocomunitario e Ponte das Febres.

Organizado polo Concello de Tui e baixo a dirección artística da Coral San Telmo, este concerto emula a viaxe que emprende unha nena tudense a través da súa historia narrada e coa música das tres corais, que irán actuando en cada capítulo do conto de Nadal. Como peche, actuarán as tres corais xuntas.

Tamén contará con proxeccións audiovisuais e unha coidada posta en escena que farán viaxar ás persoas asistentes a un Nadal máxico para toda a familia.

A entrada pode retirarse gratuitamente dende ás 19.30 h, até completar aforo.