A ribeira de Caldelas acolleu a clausura da temporada dos programas Cultiva a Mente e Coida o Corpo
Asistiron ás persoas participantes de todas as parroquias tudenses onde se desenvolven estas actividades de prevención
A ribeira de Caldelas acolleu esta semana a clausura da temporada dos programas Cultiva a Mente e Coida o Corpo postos en marcha polo Concello de Tui coa colaboración de AFAGA, a Asociación de Familiares de Persoas con Alzheimer e outras Demencias de Galicia.
Foi unha xornada festiva e de convivencia entre as persoas que ao longo do ano acoden a estas actividades de prevención en cada unha das parroquias tudenses.
O programa Cultiva a Mente, promovido polo Concello de Tui, dende o ano 2019 contou dende o inicio cunha gran acollida, e na actualidade celébrase en todas as parroquias tudenses dirixido a persoas maiores de 55 anos. Ten coma obxectivo dar a coñecer o funcionamento do cerebro, levar a cabo tarefas de estimulación, promover hábitos saudables e facer fincapé no fomento de emocións positivas e na socialización. Esta aposta innovadora complementouse esta temporada con Coida o Corpo un novo programa que promove o envellecemento activo a nivel físico, funcional e social, deseñado para exercitar o corpo, á vez que se fomenta a socialización dos e das participantes.
Na clausura participaron o alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, o concelleiro de Servicios Sociais, Ismael Diz, e o presidente da Asociación de Familiares de Persoas con Alzheimer, AFAGA, Juan Carlos Rodríguez, xunto aos monitores destes dous programas.
Juan Carlos Rodríguez, presidente de AFAGA, lembrou coma o programa Cultiva a Mente foi pioneiro achegando a estimulación cognitiva a todas as parroquias tudenses.
O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, destacou o valor do programa sinalando que “Tui é un exemplo para Galicia dun programa que chega a todas as parroquias. Moitos concellos están seguindo o modelo tudense”, afirmou.
Enrique Cabaleiro mostrou o orgullo do goberno municipal polo éxito desta iniciativa pioneira e agradeceu publicamente o labor do concelleiro de Servizos Sociais e do persoal do departamento de Servizos Sociais.
O alcalde rematou asegurando que “a asistencia social foi e será unha prioridade por riba de calquera outra cousa”. Afirmou que, ante unha poboación cada vez máis envellecida, “imos necesitar recursos e imos seguir apostando por este programa, implementando novas medidas e ampliando a súa cobertura”.
Con esta xornada de convivencia, Cultiva a Mente e Coida o Corpo despídense até despois do verán, consolidados xa como un proxecto fundamental para o benestar das persoas maiores de Tui.