A presentación do libro “As trampas da pornografía” abre a programación do 25N en Tui
As tres autoras Chis Oliveira, Amaba Traba e Priscila Retamozo presentan o seu libro este mércores ás 19 h no Espazo Sociocultural
Este mércores, 19 de novembro, ábrese en Tui a programación do 25N, o Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra as Mulleres, organizada polo Concello de Tui co lema “O noso corpo, campo de batalla”. O primeiro acto será a presentación do libro “As trampas da pornografía”, de Chis Oliveira, Amada Traba e Priscila Retamozo ás 19 h no Espazo Sociocultural da rúa Camilo José Cela.
Chis Oliveira, catedrática de Filosofía e doutora en Educación Afectivo-Sexual, Amada Traba, socióloga e profesora de Socioloxía da Educación na UVigo, e Priscila Retamozo, politóloga e máster en Igualdade de Xénero, aportan datos da pornografía actual co obxectivo de conseguir un cambio: implantar unha educación sexual integral.
O libro é unha invitación a repensar a educación sexual que se ofrece a nenos, nenas e adolescentes, denunciando os efectos da pornografía, insistindo na prevención, e ofrecendo ferramentas para concibir a sexualidade coma un territorio de liberdade, consentimento e bo trato. As súas autoras, tres mulleres referentes de distintas xeracións, apostan por unha mirada transformadora sobre a pornografía e a educación sexual.





