Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Positivo balance da presenza de Tui en Fitur

21/01/2022

As presentacións  do “Rio Miño navegable”, “Descubre as xudarías de Galicia” e “As mulleres no Camiño Portugués” suscitaron gran interese no stand de Turismo de Galicia. No stand da Red de Juderias presentouse o proxecto do libro “Ciudades de Sefarad”

A alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro González, participou como representante do Concello de Tui nun total de catro presentacións nas que a nosa cidade tiña especial protagonismo celebradas na Feira Internacional de Turismo – Fitur 2022 que se está a celebrar estes días na capital de España.
Especial interese suscitou a presentación do proxecto “Río Miño, un destino navegable” ao que asistiron os rexedores de Tui, Salvaterra de Miño, Valença e Monçao xunto co Presidente de Turismo Porto e Norte, Luis Pedro Martins, e o Vice-presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda Valenzuela. Neste acto foi promocionado este novidoso e ilusionante proxecto de creación dun novo produto turístico que pon en valor o río Miño e a súa dimensión transfronteiriza así como os recursos turísticos dos catro municipios miñoto. Esta presentación tivo lugar no stand de Turismo de Galicia o mércores 19 de xaneiro ás 15,00 horas.

De seguido Tui continuou a protagonizar a actividade no stand de Galicia en Fitur coa presentación, ás 15,30 horas do mércores 19 de xaneiro, de “Descubriendo las juderías galllegas: Monforte de Lemos, Ribadavia y Tui” na que estaban presentes xunto ao alcalde tudense, a alcaldesa de Ribadavía, Noelia Rodríguez, e a primeira tenente de alcalde de Monforte, Gloria Prada, xunto á xerente da Red de Juderias de Galicia – Caminos de Sefarad e a Directora de Turismo de Galicia, Nava Castro. Neste acto os asistentes se aproximaron ao patrimonio xudeu conservado nestas tres localidades así como ao traballo de dinamización e promoción que se realizar a través da Red de Juderias e recibiron as guías editadas sobre cada unha destas cidades.

Onte, xoves 20 de xaneiro ás 11,30 horas tivo lugar a presentación do proxecto “Mulleres do Camiño Portugués” organizado polo Xeodestino Ría de Vigo e Baixo Miño e que presentou un vídeo promocional sobre esta ruta xacobea e o papel activo que as mulleres teñen na dinamización desta ruta xacobea. Neste caso Tui estivo representado por Silvana Crisostomo, de “Ideas Peregrinas” xunto ao alcalde Enrique Cabaleiro que destacaron a importancia do Camiño Portugués para a nosa cidade que non cesa de recibir peregrinos de múltiples nacionalidades incluso nestes meses de inverno, evidenciando a dinámica de recuperación desta ruta xacobea.

Por último, o concello de Tui, representado polo seu alcalde, participou no stand da Red de Juderias de España – Caminos de Sefarad no acto institucional que contou coa presenza de representantes das 21 cidades, no que se presentaron os proxectos futuros da Red, así como o boceto de “Ciudades de Sefarad”, o libro que Red de Juderías editará en 2022, cun percorrido polas cidades que integran a Asociación. Este ano o stand da Red de Juderias é un tapiz virtual, unha ventá ao patrimonio, cultura e historia das cidades da Red mediante un mapa que recolle a localización das cidades e un código QR para cada unha que da acceso a unha viaxe virtual dun minuto co que os visitantes poderán coñecer o legado xudeu en cada un dos municipios.

No decurso da feira foi tamén unha oportunidade para manter diversos contactos con representantes de diversas institucións e colectivos para avanzar en novos proxectos e actividades para o noso municipio. Salientan os encontros co presidente de Cluster de Turismo de Galicia, co presidente de Turismo Porto e Norte, co presidente da Federación Española de Asociacións de Amigos do Camiño de Santiago, así como con diversas empresas e axencias que traballan no ámbito turístico que atinxe á nosa cidade.
O alcalde tudense, Enrique Cabaleiro, valora moi positivamente esta presenza tudense no principal escaparate do turismo que reflicte o importante traballo que neste sector realiza o municipio tudense. Haberá moi poucos municipios que nesta edición de Fitur teñen protagonizado catro presentacións sobre os recursos e proxectos turísticos que o rexedor tudense agarda contribúan á dinamización do sector turístico tudense, ofrecendo novas oportunidades de emprego e negocio para os nosos cidadáns..