Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

O Monte das Penizas acollerá mañá dende ás 18 h un evento especial para observar a eclipse solar

11/08/2026

A pouco máis de 24 horas de que se produza o eclipse solar ultímanse en Tui os preparativos para o evento organizado polo Concello de Tui no Monte das Penizas. Será unha tarde de observación astronómica, gastronomía e música en colaboración coa Comunidade de Montes de Paramos, a Deputación de Pontevedra e Turismo Rías Baixas. 

Ante a importante asistencia de persoas que se prevé mañá, de forma temporal,  establecerase un sentido único de circulación no acceso ao Monte das Penizas, de tal xeito que o acceso realizarse dende o barrio da Torre, a baixada realizarase cara Guillarei. Os accesos estarán sinalizados dende a estrada Po-404. Tanto a Policía Local coma Protección Civil estarán coordinando todo o operativo para garantir a seguridade e a fluidez nos accesos.  Haberá zona de aparcamento gratuíta. 

Para guiar a observación, explicar que é a eclipse, contexto histórico, as distintas fases, como inflúe na natureza, contarase co biólogo Fernando Álvarez, quen tamén incidirá nas medidas de seguridade para ver a eclipse como o uso de gafas homologadas, e responderá ás preguntas que poidan plantexar as persoas asistentes.

Ao longo da tarde haberá oferta gastronómica de produtos tradicionais da man da Comunidade de Montes de Paramos. A música será outro dos elementos que permitirán gozar desta tarde histórica coa selección musical que realizará Botz pensada especificamente para acompañar unha tarde tan especial coma esta. 

O Concello, grazas á colaboración da Deputación, agasallará ás persoas asistentes con  gafas de protección homologadas para ver a eclipse. Dende o Concello de Tui faise un chamamento a realizar unha observación segura con gafas homologadas ou empregando métodos indirectos.