Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

O grupo de facebook “Camino Portugués. Tui” acada os 10.000 membros

25/09/2025

O grupo en inglés “Camino portugués from Tui” conta con 6.750

O grupo “Camiño Portugués. Tui”, na rede social Facebook e promovido polo Concello de Tui dende xullo de 2020, acadou estes días a cifra de 10.000 membros activos, un número de récord no mundo das redes sociais; neste caso, nun grupo centrado nunha ruta e nunha cidade dela.

A media de visitantes diaria supera as setecentas persoas, tendo chegado a unha media de máis de millar e medio no verán pasado, con picos de dous mil. O perfil de membros é maioritariamente feminino, o que concorda co propio Camiño Portugués onde a presenza de mulleres é moi alta.

Préstase especial atención ao tramo Ponte de Lima – Santiago, así como ao do Camiño Portugués da Costa entre Caminha e Valença. É un grupo de servizos e axuda e orientación ao peregrino, non tanto de debate, aínda que non se rexeita especialmente no que atinxe ao carácter histórico deste Camiño Portugués fronte a outras rutas carentes desa dimensión.

Este grupo xurdiu co obxectivo de cubrir unha das eivas que se detectaban na promoción da ruta xacobea ao seu paso pola cidade e a súa escasa presenza nas redes sociais, especialmente en Facebook, xa que esta rede é a máis empregada no ámbito da peregrinación. Un dos datos máis interesantes é a fidelidade dos amigos ou seguidores deste perfil de Facebook que non se dan de Baixa, seguramente por ser un grupo de axuda e expositivo para os peregrinos.

A destacar a gran actividade de setembro (un mes que está saíndo excelente en todos os Camiños), cun crecemento de tráfico do 412,19% con relación ao 25 de agosto (visitáronos 22.308 persoas nese período de case un mes) e un crecemento de posts e comentarios do 88,89% tamén con relación ao 25 de agosto (216).

No que atinxe aos seguidores deste grupo son arredor do 60% españois (de Tui, Madrid, Vigo, Sevilla, Valencia, Málaga, Coruña, Santiago de Compostela e Barcelona os máis numerosos) e os restantes proceden de Portugal, EEUU, México, Arxentina. Brasil, Italia, Alemaña ou Colombia como grupos nacionais máis amplos.

Por outra banda, o grupo Camino Portugues from Tui, exclusivamente en inglés e xa que logo pensado para a multitude de peregrinos doutros países que  percorren este itinerario xacobeo, funciona dun xeito moi satisfactorio, con 6.750 membros, superando amplamente as expectativas coas que foi creado. Con relación ao 25 de agosto, o crecemento de tráfico foi dun 211,75% (visitárono 14.333 persoas) e o de post e comentarios, dun 214,29% (162).

Para a concelleira de Turismo, Ana Núñez Álvarez, estas cifras poñen de manifesto  o éxito destas iniciativas de promoción da cidade tudense, a través das redes sociais, como a porta de entrada dos Camiños Portugueses en Galicia e  teñen respondido aos obxectivos para os que foron creados: ofrecer información fiable e concreta sobre a nosa cidade para todos os usuarios e usuarias interesadas no Camiño Portugués e contribuír deste xeito ao posicionamento de Tui como referencia central das rutas de peregrinación xacobeas de Portugal.