Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

O desentullo da zona de cero de Paramos comezará na segunda semana de xaneiro

28/12/2018

Onte o pleno aprobou por unanimidade a adxudicación dos traballos por vía de emerxencia

Na segunda semana de xaneiro comezarán os traballos de desentullo na zona cero de Paramos afectada pola explosión do pasado 23 de maio.  Esta mañá o alcalde, Carlos Vázquez Padín, o concelleiro de Obras, Antonio Castro, o arquitecto municipal, Pablo Rivas, o redactor do proxecto de desentullo, Francisco Valle, e o responsable da empresa adxudicataria, Ricardo Abal , visitaron a zona cero para estudar o plantexamento para iniciar a obra.

A próxima semana dedicarase a tramitación administrativa precisa coa presentación do plan de desamiantado, que deberá aprobar o ISSGA, e de Seguridade e Saúde, que debe informar o coordinador de Seguridade e Saúde e aprobar o Concello. A continuación comunicarase a apertura do centro de traballo e asinarase a acta de reformulo.

A segunda semana de xaneiro comezarán xa as obras propiamente ditas que terán un prazo de execución de dous meses.

Os traballos levaranse a cabo nunha área de 25 mil metros cadrados onde se retirará todo o entullo, se demolerán tres segundas plantas de vivendas con risco de desplome e se actuará sobre os muros que dan cara viais públicos.

A corporación municipal aprobou onte en pleno ordinario por unanimidade a adxudicación dos traballos por vía de emerxencia á empresa Demoliciones y Desamiantados de Galicia S.L. por importe de 753 mil euros. Tamén por unamimidade foi aprobada a moción para habilitar o crédito preciso para costear o desentullo por parte do Concello de Tui.