O Concello de Tui inicia a recuperación e posta en valor do baluarte “Ángulo dos Demos” no Paseo Fluvial
A actuación, neste elemento do sistema defensivo histórico tudense, realízase no marco do proxecto FAR PAX
O Concello de Tui vén de iniciar os traballos para a recuperación e posta en valor do tramo da muralla coñecido como “Ángulo dos Demos”, situado no Paseo Fluvial. Esta actuación enmárcase no compromiso municipal coa protección e difusión do patrimonio histórico da cidade.
Nas últimas semanas, realizáronse labores de desbroce e limpeza nos restos desta antiga estrutura defensiva, que permanece en estado de ruína dende hai máis de dous séculos. Esta intervención permitirá acometer un levantamento topográfico tridimensional mediante tecnoloxía con drons, como paso previo á redacción do proxecto de execución, actualmente en elaboración pola empresa NORTAP INGENIEROS.
O proxecto conta co asesoramento técnico do historiador Suso Vila e do arqueólogo Juanjo Perles, co obxectivo de garantir o máximo rigor histórico e respecto pola autenticidade da construción orixinal.
Esta actuación está financiada cos fondos europeos Next Generation EU, no marco do proxecto FAR PAX, unha iniciativa de cooperación transfronteiriza orientada á promoción da paz a través da recuperación das fortalezas abaluartadas que marcan a fronteira hispano-portuguesa. Neste contexto, a posta en valor do “Ángulo dos Demos” constitúe un paso relevante na recuperación da memoria histórica e na mellora paisaxística e patrimonial do Paseo Fluvial, contribuíndo á súa integración no entorno urbano e ao disfrute tanto da veciñanza como das persoas visitantes.
O “Ángulo dos Demos” é unha peza clave dentro do sistema defensivo histórico de Tui. Construído en 1642, en pleno contexto bélico con Portugal (1640–1668), este baluarte funcionaba como batería de artillaría, complementando outras defensas ao longo do Miño, como Trascárcel, San Felipe ou o Carballo, en oposición ao sistema fortificado da veciña cidade de Valença.
Este baluarte exemplifica a complexidade e riqueza do sistema defensivo tudense, que combina murallas de distintas épocas, desde o século IX até o XIX. Integrado no muro da barbacana do século XV, e coa muralla fernandina ao fondo (construída por orde de Fernando II en 1170), o espazo entre ambas as estruturas servía como vía de comunicación militar e tamén como acceso ao río ou ruta para o contrabando.
A súa primeira mención documental data do ano 1733, no plano elaborado polo enxeñeiro Juan de Laferriere, onde figura co nome de “Ángulo del Diablo”. A denominación “dos Demos” foi recollida tamén polo tudense Pedro Santos no ano 1788, ao describir a ruína parcial do baluarte e da súa garita no seu diario persoal.
Con esta intervención, o Concello de Tui reafirma o seu compromiso coa conservación do seu valioso patrimonio histórico, ao tempo que promove un modelo de desenvolvemento urbano sostible e respectuoso coa identidade cultural da cidade.