Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

O Concello de Tui incentiva a compostaxe coa entrega de material á veciñanza

31/03/2022

O Concello de Tui, co obxectivo de apoiar e incentivar a compostaxe, ten material gratuíto a dispor da cidadanía para a compostaxe tanto individual coma comunitaria. 

Por unha banda as persoas que desexen compostar na casa poden solicitar, de forma gratuíta, un composteiro individual. Xunto con este equipamento recibirán unha charla e apoio técnico para resolver calquera dúbida e axudar nos traballos de posta en marcha do composteiro. 

Por outra parte aquelas persoas que compostan na casa cun composteiro individual, poden solicitar un aireador, ferramenta que axuda nos traballos de remexido do composteiro. 

Amais aquelas persoas que xa usan algún dos catro centros de compostaxe comunitaria que hai na cidade, ou queren iniciar a compostaxe nun deste puntos, poden solicitar, tamén de forma gratuíta, un caldeiro  co que trasladar os restos orgánicos que xeran na casa ao composteiro comunitario de xeito sinxelo e limpo. 

As persoas interesadas poden solicitar, de forma gratuíta, este material  a través da sede electrónica municipal, persoalmente na casa do concello, no teléfono 687 24 99 53 ou no correo electrónico compostaxe@tui.gal.

Dende o Concello de Tui convídase á cidadanía á sumarse á compostaxe, co que se reduce de xeito importante a fracción de lixo que acaba no contedor verde.  Para calquera dúbida ou máis informacións as persoas interesadas poden contactar coa mestra composteira no 687 24 99 53 ou no correo compostaxe@tui.gal.