Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

O autobús do teatro sairá de Tui para asistir á representación da nova montaxe CDG  en Santiago

14/03/2025

As prazas son limitadas e as persoas interesadas deben inscribirse na Biblioteca Municipal

O Concello de Tui volve participar no programa de mobilidade do Centro Dramático Galego a través da iniciativa “Sobes ao autobús do Teatro?”.

Así a veciñanza tudense poderá asistir en autobús dende Tui ao novo espectáculo do CDG “A burra, a mesa e o pau” no Salón Teatro en Santiago. A cita será o domingo, 13 de abril. O autobús sairá dende a rúa Ourense de Tui ás 14.15 h para asistir á representación que comezará ás 18 h. O regreso a Tui será ás 20 h.

As persoas interesadas en asistir poden anotarse presencialmente na Biblioteca Municipal, no edificio Francisco Sánchez, na rúa Colón, ou no correo biblioteca@tui.gal. O prezo da entrada é de 5€. As prazas son limitadas.

“A burra, a mesa e o pau” é o novo espectáculo do Centro Dramático Galego. O Salón Teatro de Santiago acolle a representación da obra que conta con dirección e dramaturxia de Lorena Conde.  Quince actores e actrices Xúlio Abonjo, Maika Aguado, Beatriz Barcia, Xosé Manuel Esperante, Andrés Giráldez, Alixa Ladson, Roberto Leal, Mario López, Pablo Loureiro, Carla Mojón, Grial Montes, Paloma Otero, Paulo Serantes, Nelu Vermouth e Arantza Villar, dan vida a esta proposta escénica ideada como unha fábula arredor dunha familia obreira galega desexosa de atopar solucións máxicas para saír da súa precariedade.