Música para despedir o ano coa Banda de Música Popular de Tui e Píscore
Este venres ás 20.30 h no Teatro Municipal terá lugar o concerto de Fin de Ano
A ritmo da composicións de Strauss, Anderson, Bach, ou Bizet Tui vai despedir o ano con música da man da Banda de Música Popular de Tui e o grupo Píscore. A cita será este venres, 26 de decembro, ás 20.30 h no Teatro Municipal de Tui co Concerto de Fin de Ano organizado polo Concello de Tui.
A Banda de Música Popular de Tui segue a innovar os seus concertos e a compartir escenario con outras agrupacións para brindar así un espectáculo único. Nesta ocasión será co grupo Píscore formado por Pepe Varela, Diego Rosal, Félix Rodríguez e Pablo Cabanelas. Esta agrupación mestura na súas actuacións música, humor, ritmo e comedia xestual.
Os catro integrantes de Píscore sumaranse ao medio centenar de músicos e músicas da Banda de Música Popular de Tui. Baixo a dirección de Eloy Carrera abrirán o concerto o enérxico ritmo da polca “Tronos e relámpagos” de Johann Strauss, continuarán coa divertida e orixinal “Máquina de escribir” de Leroy Anderson. O programa a interpretar inclúe a “Fuga” de Johann Sebastian Bach caracterizada pola melodía principal entra en contrapunto con distintas voces. O escenario vivirá un aire festivo e emotivo con “Let’s Be Happy” do clarinetista Giora Feidamn, para continuar coa alegre “Tritsch-Tratsch Polka”, de Johann Strauss.
O espectáculo musical que ofrecerán Píscore e a Banda de Música Popular de Tui proseguerá coa interpretación de “Carmen” de Bizet, “Martina”, e “Raquetas” con arranxos de Adrián Saavedra. Xa na parte final será momento de escoitar a banda sonora “Manhá-Manhá (Mah Nà Mah Nà)” de Piero Umiliani, para pechar coa emblemática “Marcha Radetzky”.
Tui despedirá así o ano cunha viaxe musical por diferentes estilos marcada polo dinamismo, a alegría e humor da man da Banda de Música Popular de Tui e do grupo Píscore.
Ás entradas para o concerto están á venda en tui.gal aos prezos de 5€ e 3€.





