Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Mondra actuará o domingo de San Telmo, 7 de abril, con “Folía das Ardentes”

26/03/2024

Este domingo 31 será a quenda Manuel Madarnás e The Turre’s Band. Tamén haberá concertos de Pacheco Bross, Acevedos Delgados, Gin Toni’s, La Timba Mullallo e D’Crooners Band

A música será unha das grandes protagonistas das Festas de San Telmo. Amais do concerto que Fillas de Cassandra ofrecerá este sábado 30 ás 00 h Espazo Feiral, o domingo 7 de abril, Domingo de San Telmo, subirá ao escenario Mondra coa xira “Folía das Ardentes”. Este é un espectáculo de gran formato no que se mestura a percusión tradicional galega e a electrónica e as danzas urbanas. Baixo a dirección artística do bailarín e coreógrafo Daniel Rodríguez, abre unha porta á terra ARDENTE. Sobre o escenario estarán tamén Artur Puga e Julia Sánchez-Biezma, ás percusións; e Sabela Domínguez, Julia Laport, Jandros Rodríguez e Daniel Valde, na danza.

Manuel Madarnás e The Turre’s Band porán a banda sonora ao primeiro domingo das festas de San Telmo.

Manuel Madarnás actuará ás 19 h no Espazo Feiral acompañado de guitarra, batería, baixo e piano dentro da xira presentación de "La MMarca". No mesmo pon en valor a música instrumental con cancións populares versionadas pola trompeta. No concerto interpretarán dende baladas, boleros, pop, blues ou dance. 

Mentres ás 21 h na carpa da Corredoira será a quenda de The Turre´s Band cun repertorio de Ska, blues,  balkan ou a verbena galega. A banda está formada por doce músicos de profesión e festeiros de vocación.  

No programa de festas poderase gozar tamén co directo de Pacheco Bros e Acevedos Delgados que actuarán o venres 5, ás 21 h e ás 22.30 h respectivamente, na carpa da Corredoira.

Pacheco Bros é un dúo formado polos irmáns vigueses Javi e Diego Pacheco. No seu espectáculo en acústico combinan  guitarras e voces nun percorrido pola historia da música pop rock e o blues dos anos sesenta, con versións de temas máis recoñecidos e tamén actuais.

Mentres Acevedos Delgados é un grupo de Goián formado polos músicos Andrés Acevedo e Davinia Delgado, que realizan versións de cancións xa populares pero tamén interpretarán os seus propios temas con toques de pop, blues e rock.

O sábado 6 continuarán os concertos ás 20 h e ás 22 h co grupo ourensán Gin Toni’s no Espazo Feiral cun directo fresco e divertido no que repasarán boa parte dos éxitos da música española dende os anos 80 até a actualidade. A banda está formada por Andrés Montes, voz principal e guitarra; Toni Fernández, batería; Alfonso Cid,saxo; Christian Juncal, baixo; e Diego Sanjorg, guitarra. O mesmo sábado ás 21 h na carpa da Corredoira actuará La Timba Mullallo, un grupo de salsa e latin jazz formado por sete músicos: Isidro Betancourt, Rami García, Brais Iriarte, Diego Hermoso, Rober Santos, Pablo Garrido, e Ángel Montes. Nos seus concertos reinterpretan e versionan dende os éxitos da Vella Trova Cubana ata compositores actuais.

O domingo 7 ás 21 h na carpa da Corredoira actuarán D’Crooners Band. O grupo está formado por catro músico influenciados por artistas icónicos coma Elvis Presley, Tom Jones ou Michael Bublé pero que tamén interpretan temas de bandas coma Pink Floyd, U2 ou Coldplay. Cunha coidada estética ofrecerán un concerto no que transitarán polo pop, o rock&roll, o soul ou o jazz.