Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Mañá ábrese o prazo de presentación de solicitudes ás axudas á rehabilitación de edificios e vivendas na Área de Rehabilitación do conxunto histórico de Tui

27/03/2018

Os interesados teñen un prazo de 2 meses para realizar a tramitación

Mañá mércores, 28 de marzo, ábrese o prazo de presentación de solicitudes ás axudas á rehabilitación de edificios e vivendas na Área de Rehabilitación do conxunto histórico de Tui. O BOP recolle hoxe a publicación dun extracto das “Bases reguladoras e convocatoria pública para solicitar axudas á rehabilitación de edificios e vivendas na área de rehabilitación con Conxunto Histórico de Tui” aprobadas o 5 de marzo do 2018 da Xunta de Goberno Local.

Poderán solicitar estas axudas propietarios de edificios de vivendas ou de vivendas individuais, as comunidades, os consorcios e os entes asociativos de xestión.  O importe máximo da subvención é do 45% do custo subvencionable das actuacións de rehabilitación de edificios e vivendas que se realicen, e unha contía máxima por vivenda obxecto de rehabilitación de 15.000 euros (excluídos impostos, taxas e tributos).

As vivendas con axudas á rehabilitación deberán destinarse a domicilio habitual e permanente do/a seu/súa propietario/a, ou ao arrendamento polo menos durante 3 anos trala finalización das obras de rehabilitación.

Tres barrios son os que se inclúen no ámbito delimitado pola Área de Rehabilitación do Conxunto Histórico Artístico de Tui a  Cidade Medieval, San Domingos e San Bartolomeu.

O prazo de presentación de solicitudes destas axudas é de dous meses. Pódese ampliar esta información na oficina da ARI os martes e xoves na casa do concello de Tui de 9 a 14h ou enviar un correo a ari@concellotui.org.