Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Máis dun centenar de persoas descubriu a escultura gótica e románica da catedral de Tui con Marta Cendón

13/08/2025

A visita formou parte do programa “Coñece o noso patrimonio” do Instituto de Estudos Tudenses que remata a próxima semana

Máis dun centenar de persoas participou onte martes na visita “A escultura románica e gótica na catedral de Tui”, do programa “Coñece o noso patrimonio” organizado polo Instituto de Estudos Tudenses, coa colaboración do Concello de Tui.

A investigadora tudense Marta Cendón, profesora da USC e presidenta do Instituto de Estudos Tudenses, guiou un percorrido polo templo catedralicio, profundando na historia de Tui e da catedral ao longo dos séculos. Todo dende unha visión escultórica, facendo fincapé nos seus elementos románicos e góticos.

A visita partiu dende a fachada norte da catedral, e dende aí as máis de 100 persoas asistentes coñeceron máis das representacións escultóricas da época medieval que se conservan no exterior do templo.

Marta Cendón incidiu así na “contradición que existe entre o interior, onde a escultura románica é máis figurativa e rica; e o exterior, onde a escultura gótica francesa predomina na fachada occidental”. Tamén destacou a investigadora os 800 anos que se cumpren dende a consagración da catedral, e fíxoo contando unha historia sobre ese día, o 30 de novembro, día de San Andrés.

Un novo éxito do programa “Coñece o noso patrimonio”, que remata o próximo martes día 19 ás 20.30 h cunha visita á Igrexa de San Telmo, guiada por José Ramón Fernández Fernández.