Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Heredeiros da  Cruz en concerto este domingo nas festas de San Telmo

17/04/2025

Prosegue o IV Encontro de Viños da Raia no Mercado de San Antonio e as actuacións da charanga A Tu Ritmo, as bandas de música Popular de Tui e Xuvenil de Xinzo, e do grupo Good God!. O Teatro Municipal acollerá o Festival Folclórico

Co seu inconfundible estilo entre o rock máis irreverente e a retranca galega Heredeiros da Crus  ofrecerá este domingo, ás 19.30 h, un concerto no Espazo Feiral. Será un espectáculo cargado de enerxía, guitarras afiadas e letras cheas de humor e crítica social. Soarán dende os clásicos inesquecibles como Quero josar, Non che teño Medo, de Jalisia ao Estranxeiro… xunto aos temas do seus novo traballlo Trankimasin, do que inician a súa xira precisamente en Tui.  Será un concerto para todas as xeracións.

Por outra parte  dende ás 12 h no Mercado de San Antonio continuará a celebrarse o IV Encontro de Viños da Raia. Abrirá de 12 a 16 h e de 20 a 23 h. Será unha oportunidade única para coñecer viños de autor das dúas beiras do Miño tanto brancos, coma tintos e espumosos das doce adegas participantes: Corisca e Quiñóns da Insua de Tui; Edmund do Val de Valença; Sergio Álvarez, Adega Pateira, Jorge Marcote,  e Adega Xesteiro do Rosal;  Marcio Lópes de Melgaço; Adega do Ricón, Chan de Vide e Miguel Alonso viticultor  de Arbo; e María Bargiela de Salvaterra. Os viños poderanse degustar xunto coas propostas gastronómicas tanto doces coma salgadas que ofrecen Almacén Urbano, D’Calle, Maruxa Market, e Vionkas.  Volverán as actividades pararelas, para as que é preciso inscrición previa na Oficina de Turismo, cunha demostración culinaria con maridaxe da man do chef Javier Freijeiro do Restaurante Pracer ás 12 h. Pola tarde “Os viños da raia a partir do século XX” é o título da cata comentada polo enólogo tudense Manuel Areal ás 18 h, e ás ás 19.30 h terá lugar a  presentación “Vinhos do Atlântico” de Valença.

A charanga tudense A tu Ritmo será actuará no propio Mercado de 12 a 14 h e de 20 a 22 h. 

Mentres ás 12.30 h a Banda de Música Popular de Tui ofrecerá no espazo sociocultural da rúa Camilo José Cela o seu primeiro concerto das festas. Neste mesmo espazo ás 18 h actuará a Banda de Música Xuvenil de Xinzo. E xa ás 21.30 h será o son enérxico de Good God! o que encha de música soul e funk este espazo da man Abel Trigó, voz e guitarra; Pedro Gregorio, piano; Roi Adrio, batería e o tudense Lucas Fernández, baixo.

Non faltará nin a música nin o baile tradicional que encherá o Teatro Municipal a partir das 17.00 h coa celebración dunha nova edición do Festival Folclórico Festas de San Telmo. Muiñeiras, ribeiranas, pandeiros, entre outros temas serán ofrecidos polas asociacións tudenses  Darraia (Tui), Santa Columba (Ribadelouro), San Telmo(Tui), Traxe Tradicional (Tui), Seixos Albos (Areas), Lembranzas da Terra (Guillarei), Inquedanzas (Pazos de Reis), O Mosteiro (Pexegueiro), e Xuntanza (Randufe).

Debido á previsión de choiva foi aprazado o pasarrúas previsto ás 18 h na Corredoira a cargo de Mariposas Hípica Celta.