Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

As Festas de San Telmo reafirman o seu carácter de interese turístico galego

15/03/2024

O programa abrirase co pregón a cargo Isabel Blanco. Fillas de Casandra encabezan o cartel musical

As Festas de San Telmo reafirman o seu carácter de interese turístico galego coa transformación iniciada hai uns anos, e continúan coa potenciación dos valores locais. Estas festas, para vivir na rúa, foron presentadas esta mañá na casa do concello polo alcalde, Enrique Cabaleiro, xunto ás concelleiras Sonsoles Vicente e Ana Núñez, e os concelleiros Rafael Estévez, Miguel Méndez e Ismael Diz. O programa festivo, que se vai desenvolver do sábado 30 de marzo ao luns 8 de abril, abrangue actividades para todas as idades cunha ampla oferta na que salienta a colaboración das distintas asociacións tudenses.

O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, lembrou na súa intervención a transformación que as festas experimentaron nos últimos anos, dende a organización por parte do Concello, ao pregón a cargo dunha persoa galega de renome, á Gala dos Premios Cidade de Tui, ou os diferentes escenarios das actividades coa incorporación do Espazo Feiral, o cambio do libro de festas por unha publicación que pon en valor a riqueza patrimonial da cidade, respondendo así, dicía, a esencia de Festas de Interese Turístico Galego. Engadía Enrique Cabaleiro, que tamén deben ser tamén “un expoñente claro para ser un medio de difusión da nosa cultura, dos nosos emprendedores e dos nosos produtores culturais e musicas”. Engadía que na programación deste ano tamén se tivo en conta que respondan ao equilibrio financeiro e orzamentario.

A concelleira de Cultura, Sonsoles Vicente, repasou polo miúdo a programación das festas que se pretendía chegar a todo tipo de gustos e público, pensando tamén na poboación nova, apostando para que a mocidade tamén se implique nas festas e as disfrute.  Explicou coma neste 2024 haberá distintos escenarios coma a praza da Inmaculada, a carpa da Corredoira, o Espazo Feiral, ou a rúa Compostela.

O concelleiro de Deportes, Rafael Estévez, avanzou que na Carreira Popular de San Telmo se supera xa o centenar de inscritos, e confirmou que este ano a Feira Cabalar celebrarase durante tres días, o sábado 6, domingo 7 e luns 8.

Mentres a concelleira de Comercio, Ana Núñez, avanzou os detalles do III Encontro de Viños da Raia que o sábado 30 e o domingo 31, na praza da Inmaculada, reunirá a 14 adegas que porán en valor o promocionarán o produto local.

O pregón da actriz Isabel Blanco abrirá o programa festivo o sábado 30 ás 12.45 h na praza da Inmaculada. Nesta primeira xornada celebrarase a IV Gala Premios Cidade de Tui no Teatro Municipal. Fillas de Cassandra encabezan o cartel musical deste ano co concerto que ofrecerán o sábado 30 ás 00 h no Recinto Feiral. Previamente actuará Quinkillada e para pechar a noite contarase con Dj Amarok.

Mondra actuará o domingo 7 no Espazo Feiral. Pero amais na programación figuran tamén concertos de The Turre’s Band, Manuel Madarnás, Pacheco Bros, Acevedos Delgados, La Timba Mullallo, Gin Tonic e D’Crooners Band,

O público infantil e familiar poderá gozar con “Os ourizos agarimosos”, Barafunda, Peter Punk,e O Show de Fifo.

O son das bandas de música Popular de Tui, Xuvenil de Tui, a Agrupación Musical do Rosal, a Unión de Guláns, e a Escola Naval Militar de Marín. As corais tudenses do Centro Sociocomunitario, Ponte das Febres e San Telmo actuarán no centro de día Amoralia e nas residencias Paz e Ben e San Telmo. Nas rúas de Tui non faltará a animación das charangas A Tu Ritmo e Cantos Somos, de Pulpiño Viascón, Troula, e na carpa da Corredoira actuará o alumnado e profesorado do Conservatorio Profesional de Música de Tui.

Non faltará a música tradicional co Festival Folclórico o domingo 31, pero tamén cos grupos Santa Columba de Ribadelouro, as bandas de gaitas “Arume” de Malvas, e “Lembranzas da Terra” de Guillarei.

As verbenas serán amenizadas por América, La Oca Band, Claxxon, Los Players, e actuará tamén Dj Enter.

A gastronomía estará moi presente nas festas tanto pola Festa do Meixón que será presentada a próxima semana, coma polo III Encontro de Viños da Raia que se desenvolverá o sábado 30 e o domingo 31, así coma polos postos gastronómicos a cargo de asociacións culturais tudenses que haberá no Recinto Feiral.

Cómpre salientar tamén un ano máis a exposición de Fotografía Antiga de Tui que recuperará imaxes que forman parten xa da nosa historia.  Do luns 1 ao venres 5 o Teatro Municipal acollerá unha nova edición do Festival de Teatro Amador a cargo dos grupos locais CAI, Chirlomirlo, Aloia, San Fins e A Insua, que estrearán aquí as súas novas montaxes.

No eido deportivo celebrarase o sábado 6 unha nova edición da Carreira Popular de San Telmo para a que está aberto o prazo de inscrición en atletismotui.wordpress.com. O domingo 7 levarase a cabo a Andaina de San Telmo e no barrio de San Bartolomeu o sábado 6, domingo 7 e o luns 8 celebrarase a tradicional Feira Cabalar de San Telmo.

As festas rematarán coa solemne procesión de San Telmo que o luns 8 percorrerá as rúas de Tui e coa tirada de fogos piromusicais.

Programación Festas San Telmo Tui 2024 (pdf)