A escultura do peregrino de Rai rende homenaxe aos milleiros de persoas que percorren o Camiño Portugués
Foi inaugurada este mediodía na rúa Olímpicos Tudenses, o lugar onde se situada o porto da barca de pasaxe
Unha escultura de pedra, obra do escultor tudense Rai, que representa un peregrino foi inaugurada este mediodía na rúa Olímpicos Tudenses. Sitúase nun lugar histórico de inicio do Camiño Portugués a Santiago, no porto da barca de pasaxe que comunicou ao longo dos século as cidades de Tui e de Valença ata a apertura da Ponte Internacional no ano 1886.
Este mediodía ao alcalde, Enrique Cabaleiro, xunto ao propio escultor Rai, membros da corporación e distintas autoridades participaron neste acto.
Esta escultura, que representa a un peregrino que inicia o seu Camiño, quere expresar a homenaxe de Tui e de Galicia a tantos e tantos milleiros de peregrinos que percorren os Camiños Portugués que conflúen en Valença e Tui dende os inicios da peregrinación xacobea nos séculos medievais.
O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, sinala que esta escultura expresa, o compromiso do Concello de Tui e da súa cidadanía co Camiño de Santiago, entendido e sentido como unha parte substancial do noso patrimonio cultural, tanto material como inmaterial. Esta escultura de granito, símbolo de permanencia, homenaxe aos milleiros de peregrinos que cada ano transitan por este lugar enriquecendo coa súa presenza a vida diaria dos tudenses e dinamizando a nosa vida social e económica.
Esta escultura foi financiada con cargo ao programa “+ Provincia 2024” da Deputación Provincial de Pontevedra.
Raimundo Martínez, máis coñecido como "Rai", é un escultor tudense da parroquia de Malvas. Xa dende a súa mocidade estivo vinculado á pedra e traballou en numerosas canteiras dentro e fóra de Galicia. Xa retirado segue esculpindo granito Rosa Porriño, Verde Santiago e Negro Galicia ademais de facer figuras con cantos rodados. Na súa casa ten centenas de esculturas que van dende os 7,5 m de alto a tan só 20 cm que Rai convida a visitar na súa vivenda de Tui. Tanto aprecia o seu traballo que mesmo escribe poesías nas que relata o seu amor á pedra. Ten realizado numerosas exposicións cunha obra moi persoal.





