Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Dobre presentación literaria mañá na Sala Félix Rodríguez en Tui

18/04/2024

Ás 18 h Jose Antonio Bao presenta “Voces de un pueblo represaliado” e ás 19.30 h Lois Pérez “A Tribo do Mar”

A Sala Félix Rodríguez, no edificio Francisco Sánchez, acolle mañá venres pola tarde dúas presentacións literarias.

Por unha banda ás 18 h terá lugar a presentación de “Voces de un pueblo represaliado” de José Antonio Bao Lemos. O autor, natural de Vigo e afincado en Salceda, será presentado por Xurxo Vaqueiro, e participará tamén no acto o alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro.

“Voces de un pueblo represaliado”, publicado por Aliarediciones, é unha compilación de feitos acontecidos durante a guerra civil española e a postguerra.  Este é o segundo libro de José Antonio Bao Lemos, que en 2021 publicou a súa primeira obra “Camino al infierno en el nombre de Dios: Opus Dei y otras secta-religiones minoritarias. Su lado oscuro”.

Posteriormente ás 19.30 h, na mesma Sala Félix Rodríguez, presentarase o libro “A tribo do Mar” de Lois Pérez nun acto organizado por A Quinta de Tui F.S. e no que colabora o Concello de Tui. Na presentación xunto ao autor participará tamén a profesora e escritora Sonia Mirón.

Lois Pérez é mestre, contador de historias, poeta, escritor e guionista. Por este libro gañou o XVI Premio Raíña Lupa de Literatura Infantil e Xuvenil. Un galardón que se suma ao Premio de Teatro Radiofónico da Radio Galega con Saltimbanqui en 2008, o Premio aRi[t]mar ao mellor poema editado en Galicia en 2017 por Blues do rei Bergman=B.B. King; e o V Premio Agustín Fernández Paz de Narrativa Infantil e Xuvenil pola Igualdade por A gruta da torre.

En “A Tribo do Mar”, editado por Xerais, a través dos protagonistas das historias aborda o drama da migración, a superación das dificultades, o respecto e o antiracismo. Tamén está presente no libro o fútbol sala.