Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Cris de Caldas ofrece mañá contos para a primeira infancia na Biblioteca Municipal

19/05/2026

Será con “Tantarantiña” dentro da programación Tui en Letras

Cris de Caldas chegará mañá mércores, ás 17.30 h, á Biblioteca Municipal de Tui para ofrecer unha sesión de contacontos para a primeira infancia, para nenos de nenas de 4 a 6 de idade.

A propia Cris de Caldas presenta a súa semblanza nestes termos: A narración oral está presente sempre e en ocasións xogo con outros elementos, buscando a sorpresa e o sorriso. Ao longo de máis dunha década na narración oral, pasei  por bibliotecas, colexios, rúas, auditorios, campos da festa, campamentos, ximnasios e teatros. Como mediadora e formadora participei en distintas edicións do Salón do Libro (2018, 2020 e 2023) e tamén impartín docencia no CIOV, Centro Interpretación da Oralidade de Vigo. (2022, 2025 e 2026) Como contadora estiven en distintos festivais galegos como Atlántica, A Boca Chea, De Perto, NarraSarria, Sete Falares e  Núbebes. E tamén en Salamanca, no festival Contando Cuentos. Os meus contos estiveron en varias edicións do Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra. A todo isto, tamén pertenzo á  NOGA, a asociación de Narración Oral

No contacontos “Tantarantiña” contarán, cantarán e compartirán historias da tradición popular con contos pequenos, rimas, arrolos e xogos de palabras da tradición oral. Algunhas son historias herdadas e outras, os contos favoritos de xeración en xeración.  Con palabras sinxelas, repeticións sonoras e espertando moita curiosidade, estes contos acompañan momentos de xogo, de calma e de colo, mentres axudan a espertar a linguaxe e o gusto polas historias. Un proxecto para reivindicar que contar, cantar e compartir historias fainos medrar en compañía.

Esta actividade forma parte do programa “Tui en Letras” que promove a concellería de Ensino, Cultura e Mocidade do Concello de Tui, que dirixe a concelleira Sonsoles Vicente, e conta coa axuda da Deputación Provincial de Pontevedra.

A entrada será de balde até completar o aforo.