A comparsa Relativerso de Mañufe gañadora absoluta do Entroido en Tui
En carrozas o primeiro premio foi para o Entroido de Picoña. Miles de persoas gozaron do desfile-concurso nas rúas novas da cidade
Miles de persoas gozaron esta tarde do Desfile-Concurso de Entroido en Tui ateigando as rúas novas da cidade por onde transcorreu o percorrido das doce comparsas que finalmente acudiron a esta cita festiva organizada polo Concello de Tui.
A comparsa “Relativerso” da Asociación Carvales de Mañufe foi a gañadora absoluta do desfile-concurso levando amais o segundo premio en carrozas e o premio de música. O case centenar de compoñentes da comparsa presentaron unha proposta inspirada na teoría da relatividade de Albert Einstein, unindo ciencia e arte nunha viaxe visual e conceptual, tomando coma referencia a paleta Pantone de “2001. Unha odisea no espazo” de Stanley Kubrick e cunha escenografía, inspirada nos espazos imposibles de Maurits Cornelis Escher e nos reloxos brandos de Salvador Dalí.
O segundo premio na categoría absoluta foi para a Asociación Cultural En Loureiro coma Sempre con “Entroido de Picoña” que reflectiu na súa creación as conquistas de Alejandro Magno, levando tamén o primeiro premio na categoría de carrozas.
A Asociación Os da Casa de Vigo con “The Visual Dome” foron os gañadores do terceiro premio na categoría absoluta e tamén do terceiro premio en carrozas. Presentaron unha proposta artística construída usando a IA, cos complementos e a carroza realizados polas persoas integrantes da comparsas de forma artesanal e en boa medida con material reciclado.
En Parodia a comparsa tudense Locos por la Bicis foi a gañadora con “Ave Tui-Valença” co ciclismo coma protagonista e mesmo cunha carroza impulsada por 13 ciclistas.
A comparsa "Pandilla Pirata" de Ponte Caldelas foi a gañadora en coreografía.
O desfile estivo protagonizado por propostas creativas cheas de orixinalidade e traballo artesanal. Outras das agrupacións participantes foron "Amigos do Carnaval" de Salceda cunha comparsa inspirada no mundo do café, "Os Tribu-hos" do Centro Cultural e Recreativo Parada do Miñor de Nigrán, a Asociación Cultural de Pontellas do Porriño coa a súa comparsa "O día e a noite, a Asociación O Millor de Cada Casa de Gondomar propuxo un "Destino Entroido”. Mentres a comparsa "Nun lugar da mancha" de Soutomaior fixo unha homenaxe a Don Quijote de Cervantes e Asociación Centro Cultural e Veciñal de Valladares tamén de Vigo, presentou a comparsa "Valla School. Outras propostas foron a comparsa "Festeiros en festas" da Asociación Os Festeiros de Bembrive..
Tui despedirá o Entroido o próximo domingo cunha gran festa no Enterro do Bacallau que comezará ás 19.30 h na praza de San Fernando.
Gañadoras Absolutos
- “Relativerso” da Asociación Carnavales de Mañufe de Gondomar
- “Entroido de Picoña” da Asociación Cultural En Loureiro Como Sempre de Salceda de Caselas
- “The visual dome” da Asociación Os da Casa de Vigo
Gañadoras Carrozas
- “Entroido de Picoña” da Asociación Cultural En Loureiro Como Sempre de Salceda de Caselas
- “Relativerso” da Asociación Carnavales de Mañufe de Gondomar
- “The visual dome” da Asociación Os da Casa de Vigo
Gañadora Parodia
- “Ave Tui-Valença” do Club Locos por la Bicis de Tui
Gañadora Coreografía
- “Pandilla Pirata” da Asociación A Pandilla de Ponte Caldelas
Gañadora Música
- Relativerso” da Asociación Carnavales de Mañufe de Gondomar