Centos de persoas disfrutaron dunha fin de semana chea de actividades en Tui
A concentración Cabalar de San Bartolomeu, o V Rocha Folk e o Festival de Bandas de Música de Tui foron algunhas das propostas
Tui viviu unha fin de semana con diversas actividades con concertos e a concentración cabalar de San Bartolomeu que congregaron a centos de persoas.
Dentro da programación cultural do verán celebrouse o XXX Festival de Bandas de Música e o V Rocha Folk.
A praza de San Fernando foi o escenario onde o venres á noite se celebrou o XXX Festival de Bandas de Música. Unha cita xa clásica do verán tudense que este ano contou coa participación de tres agrupacións, a Banda de Música de Vila Boa de Quires, a Banda de Música Cultural de Salceda e a Banda de Música Popular de Tui, anfitrioa e organizadora do festival.
O público, que ateigou a praza, aplaudiu as interpretacións de cada unha destas agrupacións. Con “Hispánico” de Nuno Osório comezou a súa actuación a Banda De Música De Vila Boa De Quires "Desde 1712", de Portugal. “Paulo Silva Top Five” con arranxos de Nuno Osório, e “Paquito el chocolatero” de Gustavo Pascual, completaron o programa que ofreceron no festival tudense. Mentres a Banda Cultural de Salceda abriu o seu concerto con “Xerife” de Vítor Resende, interpretando a continuación Fribourg “The Old City” de Derek Bourgeois, e “Fiesta in Spain” de Jean Pierre Haech. Por último a Banda de Música Popular de Tui elixiu para abrir a súa actuación o pasodobre dedicado ao seu anterior director, Adolfo Besada, obra de Andrés Álvarez. Do mesmo compositor interpretou “1824”, e coa colaboración da Banda de Gaitas Arume de Malvas ofreceron “Cascarexa” de Xosé Luís Represas. A banda tudense aproveitou para presentar a tres novos músicos, Mateo, Dylan e Nerea, que onte actuaron por vez primeira con esta agrupación, e fixeron entrega dos premios do cartel anunciador do festival.
Por outra parte o venres e o sábado celebrouse en Caldelas o V Rocha Folk, organizado pola Asociación Cultural A Insua coa colaboración do Concello de Tui. O exterior do Balneario de Caldelas, a capela do Carme e a ribeira foron os tres escenarios deste evento. O programa comezou o venres cun obradoiro de percusión e canto, para achegar ao público a maxia dos instrumentos e a beleza da música tradicional con Joel Padín, que ademais de compartir os seus coñecementos cos participantes, tamén ofreceu unha actuación musical.
A música non deixou de soar na noite do venres xa que tamén se puido desfrutar das actuacións da agrupación de bombos S. Tiago de Sopo Vilanova de Cerveira, da Banda de Gaitas de Candás e da Banda de Gaitas A Insua de Caldelas. Aínda que isto non foi todo, o peche, tamén con moito ritmo, correu a cargo do grupo Son das Tabernas, que fixeron bailar ás centenares de persoas que encheron a ribeira de Caldelas.
O sábado o público puido desfrutar dende a mañá coa animación do grupo de Gaitas Inquedanzas do Centro Cultural Aloia de Pazos de Reis e coa Banda de Gaites de Candás. Non faltou tampouco o son das pandeiretas que correu a cargo dos grupos da Asociación O Fiadeiro de Vigo. Xa ao mediodía e para coller forzas para poder continuar de troula pola tarde, os veciños e veciñas puideron gozar, na zona da ribeira, dun xantar campestre e foliada libre. A tarde comezou co obradoiro de baile tradicional a cargo dos Carecos, que deron paso as actuacións do dúo Antía Caveeiro e Antón Lago, que ofreceron un concerto na capela do Carme.
A ribeira de Caldelas acolleu o peche do festival a cargo da cantante Sheila Patricia que interpretou, en exclusiva, algúns dos temas do seu novo disco, sorprendendo a todo o público, que non so gozou coas súas letras, senón que tamén co directo de Os Carecos. O grupo presentou en Caldelas o seu primeiro primeiro traballo discográfico “Foula”.
Concentración Cabalar de San Bartolomeu
Por outra parte onte domingo centos de persoas disfrutaron da Concentración Cabalar de San Bartolomeu que se desenvolveu no recinto da rúa Loureiro. Unha das dúas citas tradicionais cos cabalos que se celebran en Tui.
Dende primeira hora da mañá as e os afeccionados aos cabalos foron chegando ao recinto da concentración, para compartir a xornada matinal neste evento, ou participar na novidosa iniciativa do “Reality Show Ecuestre Libre”. Logo tivo lugar o espectáculo “Aires de Romero” que deu paso á entrega dos premios especiais.
Coma peche chegou o espectáculo “Experiencia Pura Vida Ecuestre”, no que o público poido disfrutar cunha impresionante exhibición de doma e destreza a cabalo, cunha coidada posta en escena.