Avanza a bo ritmo a recuperación da senda do río Caselas
O proxecto execútase grazas ao convenio asinado coa CHMS e contempla tamén a posta en valor de elementos etnográficos
Avanzan a bo ritmo as obras de recuperación da senda do río Caselas, na parroquia tudense de Caldelas. Esta actuación, dividida en dúas fase, a primeira a propia senda e a segunda a recuperación dos elemento etnográficos, suporá un investimento de 935 mil euros, a través do convenio asinado entre o Concello de Tui e a Confederación Hidrográfica do Miño-Sil, CHMS. Segundo este documento a CHMS aportará 748 mil euros e o Concello 187 mil euros.
As obras da primeira fase, referida a recuperación da senda propiamente dita, comezaron o pasado mes de maio, avanzando a bo ritmo os traballos, que unha vez concluídos permitirán camiñar pola beira do río Miño dende a vella Ponte Internacional até o límite do termo municipal en Caldelas, parroquia que limita a través do Miño con Salvaterra e do río Caselas con Salceda de Caselas.
Hai uns días comezou tamén a execución da segunda fase nesta zona de alto valor etnográfico. Consiste na restauración e posta en valor do Muíño do Medio no Souto de Arriba e do Muíño da Seña, así coma da levada existente. Contémplase tamén a creación de elementos de interpretación e posta en valor do antigo acueduto sobre o cauce do río Caselas.
A Confederación Hidrográfica do Miño Sil foi a encargada da redacción dos proxectos, licitación e adxudicación das obras a executar. Mentres o Concello de Tui será o responsables do mantemento e conservación da senda unha vez concluídos os traballos.
O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, destaca coma coa construción desta senda do Caselas dáse satisfacción a unha vella aspiración de conectar toda a beira tudense do Miño con Salvaterra e Salceda de Caselas. Esta actuación súmase á realizada nos últimos anos coa construción dunha ponte peonil sobre a desembocadura do río Louro, e ao acondicionamento da senda do Miño até a praia de Areeiros, e dende aquí até Caldelas, que son xa unha realidade. Previamente executárase o tramo dende a rúa Olímpicos Tudense ate a vella Ponte Internacional. A aspiración, indica Enrique Cabaleiro, é continuar río abaixo e poder unir cunha senda até Tomiño, que a súa vez permita chegar até a desembocadura do Miño.
A concelleira de Turismo e Patrimonio, Ana Núñez, destaca a importancia desta nova senda do río Caselas, tanto para a propia parroquia de Caldelas, que suma un novo recurso aos seus atractivos turísticos e naturais, coma para o propio concello que incorporará en breve este novo percorrido natural a ampla oferta de sendas coas que conta ao longo de todo o termo municipal.