Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

180 nenos e nenas de 6º de Primaria convivirán na Aloiada 2025

11/06/2025

Un total de 180 alumnos e alumnas de 6º de sete centro educativos de Tui participarán este venres na Aloiada 2025.  Aínda que inicialmente estaba previsto que esta actividade se desenvolvese durante dous días, xoves e venres, incluíndo a noite no Aloia, debido a previsión meteorolóxica adversa para mañá xoves tivo que suspenderse por seguridade a actividade desta primeira xornada. 

Así se deu a coñecer esta mañá na presentación da Aloiada 2025. No acto participaron o alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, a concelleira de Educación, Sonsoles Vicente, o concelleiro de Deportes, Rafael Estévez, así como os directores e directoras dos sete centros participantes, Verónica Martín, do CEIP de Pazos de Reis, Nuria Garabal do CEIP Nº1, Ramiro García do CEIP Nº2, Nerea Castro do CEIP de Rebordáns, Manuel González do CEIP de Caldelas, Paula Lima do CEIP de Guillarei e Roberto Díez, do CPR Sta Mª Maristas.
O alcalde, Enrique Cabaleiro, na súa intervención  salientou que a Aloiada reflicte o compromiso da comunidade educativa co alumnado nunha actividade que promove o contacto entre o alumnado de 6º de Primaria que o próximo curso coincidirá nos estudos de Secundaria, e tamén co entorno natural que temos en Tui. Amosou o rexedor o compromiso do concello con esta actividade.  

A concelleira de Ensino e Cultura, Sonsoles Vicente, destacou na súa intervención o enriquecedora desta experiencia que se desenvolve en pleno contacto coa natureza. Lembrou coma inicialmente foi promovida polo CEIP nº2 e se foron sumando os distintos centros educativos tudenses. 
En nome dos centros educativos Ramiro García, director do CEIP nº2, salientou coma esta actividade é unha das máis importante que levan a cabo nos centros educativos, e representa unha oportunidade de convivencia para todo o alumnado de 6º de Primaria do Municipio. Mentres Nuria Garabal, directora do CEIP nº1 explicou coma por seguridade, ante a adversa previsión do tempo para mañá xoves se suspende a actividade deste primeiro día. O venres o alumnado subirá ao Parque Natural Monte Aloia onde realizan actividade de sendeirismo para baixar até o parque do Penedo e logo practicarán piragüismo.