Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Tui pon en valor a creatividade, a artesanía e o talento local na segunda edición de Mercarte

9/05/2026

Do 15 de maio ao 15 de xuño, a sala anexa da Oficina de Turismo acollerá espazo pop-up con artesanía, deseño e obradoiros creativos.

Apoiar o emprendemento creativo, dinamizar a actividade cultural e comercial da cidade e ofrecer un espazo próximo onde creadoras e público poidan atoparse arredor da artesanía, do deseño e da produción local é o obxectivo de Mercarte. Este espazo pop-up celebrará a súa segunda edición do venres 15 de maio ao luns 15 de xuño na sala anexa da Oficina de Turismo, no céntrico Paseo da Corredoira. Abrirá de 10.30 a 13.30 h e de 17.00 a 20.00 h, ampliando os venres e sábados o seu horario até as 21 h.

Así, durante un mes, creatividade local terá de novo un espazo protagonista en Tui tras a boa acollida da primeira edición. Mercarte regresa para consolidarse como un escaparate para creadoras e pequenos produtores que apostan polo traballo artesanal, a autenticidade e o valor do feito a man.

Nesta segunda edición participarán cinco expositoras con proxectos moi diversos. Mar.jewelrin presentará xoias elaboradas en resina e flores naturais; Manos Creadoras 21 achegará pezas decoradas a man mediante a técnica do puntillismo;  Shirga dará a coñecer as súas creacións en xoiería de deseño propio en prata; Paula Siddell, participará con  ilustracións animais, cadernos artesanais e encargos personalizados de mascotas, e Quiñons da Insua, representará á produción vitivinícola local.

Esta segunda edición contará cunha programación de obradoiros creativos, ao longo do mes de exposición, co obxectivo de achegar ao público o coñecemento das distintas técnicas artesanais brindando a oportunidade de participar activamente nos procesos de creación.

Dende o Concello de Tui convídase á cidadanía e ás persoas que visiten Tui  a achegarse a este espazo efémero para descubrir o talento que existe detrás de cada proxecto e gozar dunha proposta que aposta pola creatividade, a proximidade e a identidade local con creacións orixinais e únicas en pleno centro da cidade.