Notable éxito de participación no programa do Setembro Xudeu en Tui
O Concello de Tui, por medio da concellería de Turismo e Patrimonio, quere expresar a súa satisfacción polo éxito alcanzado de participación social nas doce actividades programadas ao longo deste mes para a promoción e difusión do patrimonio e legado vinculados ás comunidades xudías e criptoxudías radicadas en Tui ao longo dos séculos agrupadas baixo a denominación de “Setembro xudeu en Tui”.
Como en edicións anteriores foron as visitas guiadas as que acadaron unha maior participación de interesados, tanto veciños de Tui como xentes chegadas doutras localidades galegas. Mais de 300 persoas asistiron ás catro visitas celebradas ao longo deste mes (domingo 7 de setembro, sábado 13, sábado 20 e sábado 27). Sesenta foron os inscritos na actividade de escapismo celebrada na maña do domingo 21 de setembro destinada especialmente ao público familiar, completando as prazas dispoñibles. O Concerto á luz das candeas co espectáculo “Arvolicos lejanos” a cargo de Carmen Penin e Maurizio Polsinelli congregou na Praza do Pracer ao caer a noite do venres 5 de setembro arredor de 150 persoas.
Satisfactoria foi a asistencia á cena sefardí celebrada o venres 19 de setembro no Parador de Tui, na que os cerca de cincuenta comensais degustaron un menú especial preparado por Emilio González, xefe de cociña do Parador tudense, acompañado pola música sefardí da man do grupo Kupala, formado por Vadzim Yukhnevich, voz e baián; Xacobe Lamas, violín; e Chus Pazos, batería.
Unha das novidades da programación deste ano foi, en colaboración co Cine Club Tui, a proxección de senllas películas vinculadas coa temática destas xornadas. Cerca de cen persoas asistiron á proxección do filme “Sefarad” (2018) do director portugués Luis Ismael o xoves 11 de setembro namentres que o xoves 25 foi proxectada a película “Santo Oficio” (1973) do cineasta mexicano Artur Ripestein.
Completou o programa a interesante exposición “La Edad de oro de los judíos de Al-Andalus” xunto ao concurso de fotografías tomadas no photocall instalado na Oficina de Turismo e que posibilita participar en diversos sorteos.
Para a concelleira Ana María Núñez con esta oferta de actividades arredor do “Setembro xudeu” os obxectivos de poñer en valor a diversidade, a riqueza e a importancia histórica do acervo xudeu que atesoura a nosa cidade están altamente cumpridos, agradecendo a participación da cidadanía nesta actividades.
Para a concelleira tudense esta programación contribúe moi positivamente á difusión e valorización do patrimonio cultural da nosa cidade onde o legado xudeu posúe especial relevancia. A integración de Tui na Red de Juderias de España – Caminos de Sefarad no ano 2019 ten contribuído moi positivamente á difusión do acervo patrimonial tudense.