Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

O Concello de Tui e a Red de Juderías de España – Camino de Sefarad acordan promover novas accións promocionais do patrimonio xudeu tudense

19/07/2025

O director-xerente da rede Iñaki Echeveste visitou Tui esta semana

Durante os dous últimos días, xoves e venres, o novo director-xerente da Red de Juderias de España – Caminos de Sefarad, Iñaki Echeveste, visitou a cidade de Tui coñecendo directamente o patrimonio xudeu e criptoxudeu que atesoura a nosa cidade, que forma parte dende o ano 2019 deste rede que integra na actualidade a 21 municipios de España.

O seu programa de traballo abrangueu un encontro co alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, e a concelleira de Turismo e Patrimonio, Ana Núñez, para analizar o traballo conxunto que se ven realizando entre a Red de Juderías e o Concello de Tui para coñecer, preservar e promocionar a rica herdanza xudía de Tui. No mesmo sentaron as bases para ampliar esta colaboración con novas accións de carácter promocional centradas especialmente na difusión da colección de sambenitos da catedral tudense, así como na celebración dun encontro da Red de Juderias en Tui no vindeiro ano 2026, co gallo da celebración do 800 aniversario da consagración da catedral de Tui.

Durante a visita a Tui o xerente da Red de Juderías mantivo un encontro con representes do sector turístico da cidade así como con persoas e institucións que traballan no coñecemento e promoción do importante legado das comunidades xudías e de cristiáns novos na nosa cidade. Nesta xuntanza Iñaki Echeveste presentou o traballo que está a desenvolver a Red de Juderias e os seus obxectivos buscando a implicación dos diversos sectores interesados.

Tamén o xerente da Red de Juderias mantivo un encontro con membros da corporación municipal, representando aos diversos partidos que a integran, congratulándose da condición estratéxica que para todos representa a pertenza a Red de Juderias

A concelleira de Turismo e Patrimonio do Concello de Tui, Ana Núñez, subliña que esta visita pon de relevancia a colaboración estreita que se mantén coa Red de Juderías para impulsar iniciativas que contribúan á preservación e difusión do legado xudeu da nosa cidade. A concelleira agradece esta visita do novo director-xerente da Red que coñeceu directamente o acervo patrimonial tudense e a pegadas das comunidades xudías na nosa historia e a implicación da sociedade tudense neste labor.