Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

A Eurocidade Tui – Valença acollerá o IV Encontro Ibérico AUDI 2025

10/07/2025

Celebrarase o sábado 2 de agosto. Os vehículos participantes poderán admirarse no Paseo da Corredoira

 A Eurocidade Tui-Valença acollerá o sábado 2 de agosto o IV Encontro Ibérico Audi organizado por PRC Vigo Audisport - Club Audi Galicia. Nesta cuarta edición, que se prevé reúna máis dun centenar de persoas, os organizadores  apostaron por Tui e por Valença, salientando o atractivo turístico das dúas cidades e a súa situación estratéxica.

Este evento reunirá afeccionados e entusiastas da marca Audi tanto de España como de Portugal, ofrecendo unha oportunidade única para compartir a paixón por estes vehículos, intercambiar experiencias e gozar dun ambiente festivo no que tamén estará presente a gastronomía local.

O programa previsto comezará ás 11 h coa recepción das persoas participantes, que poderán estacionar o seus vehículos no céntrico paseo da Corredoira. O público en xeral terá a así ocasión de admirar os vehículos expostos, xunto cos coches oficiais e dos colaboradores.

Ás 12.30 h está prevista unha visita guiada polo conxunto histórico de Tui, na que as persoas participantes neste Encontro Ibérico poderán coñecer todos os atractivos turísticos que a cidade ofrece aos visitantes, dende o seu patrimonio histórico e artístico, até o natural.

Tras o xantar nun restaurante tudense, iniciarase unha ruta que levará aos vehículos participantes a atravesar a vella Ponte Internacional e dirixirse cara Valença, onde poderán admirar a súa Fortaleza. O percorrido continuará até Vila Nova de Cerveira, cruzando de novo o Miño pola Ponte Internacional cara Goián, onde a xornada se pechará no Espazo Fortaleza, á beira do río, cun ambiente de festa e confraternidade.

O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, e o presidente da Cámara Municipal de Valença, José Carpinteira, mantiveron onte un encontro con Omar Cambeiro, presidente, e Ángel Rodríguez, vicepresidente do Club  organizador para ultimar os detalles deste IV Encontro Ibérico Audi e mostrar o seu apoio a unha iniciativa que promove o turismo e reforza os lazos de colaboración entre ambas cidades.