Máis de 650 escolares participan mañá na XVI Tui Le
Esta xornada de animación á lectura está organizada pola Biblioteca Municipal e as bibliotecas escolares do municipio
Mañá mércores, 14 de maio, celébrase, no Teatro Municipal, a décimo sexta edición de “Tui Le”, unha iniciativa promovida pola Biblioteca Pública Municipal de Tui xunto coas bibliotecas escolares dos centros educativos de Tui. Trátase dunha xornada de actividades arredor do libro e a lectura que se celebra anualmente.
Participarán máis de 650 alumnos e alumnas do IES San Paio, IES Indalecio Pérez Tizón, CEIP nº 1, CEIP nº 2, CEIP de Pazos de Reis, CEIP de Guillarei, CEIP de Rebordáns, CEIP de Randufe, CRA Mestra Clara Torres, Colexio Santa María – Maristas e Seminario Menor San Paio. Dado o volume de participantes e a diversidade de idades haberá dúas quendas, unha para Educación Infantil e primeiros cursos de Primaria e outra para os últimos niveis de Primaria e os cursos de Secundaria.
Cada centro participante presentará un póster, elaborado polo alumnado, centrado este ano na figura da cantareiras a quen está dedicado este ano o “Día das Letras Galegas”. Moitos dos alumnos e alumnas participantes realizarán intercambio de libros usados, promovendo así o acceso á lectura escrita.
Este ano o encontro contará con dúas quendas de actividade. Ás 10.15 h para o alumnado máis pequeno contarase co espectáculo “A banda dos insectos” un proxecto musical que busca familiarizar á rapazada con valores transversais e do deporte, empregando o rock en galego. Con Adrián Salgado á batería e voz principal, Eduardo Cadenas ao baixo e aos coros, Juan Pérez á guitarra e aos coros e Manuel Fernández na animación.
A partir das 11.30 h terán lugar as actuacións a cargo do alumnado do IES San Paio, do CEIP de Pazos de Reis, CEIP nº 2 e do Seminario Menor que realizarán declamacións, pezas musicais e teatralizacións relacionadas co mundo das letras e da lectura.
A concelleira de Ensino, Cultura e Mocidade, Sonsoles Vicente Solla, sinala que con esta nova edición de “Tui Le” o Concello segue apostando polo seu traballo a prol do libro e a lectura dende o convencemento que é unha ferramenta básica para o desenvolvemento persoal e social. Ademais congratúlase por esta iniciativa singular de cooperación entre as bibliotecas escolares e a Biblioteca Municipal consolidada nestes anos de colaboración arredor da animación e promoción da lectura. Está actividade conta coa colaboración da Deputación Provincial de Pontevedra e forma parta da programación “Tui en Letras” que promove o Concello de Tui con vinte actividades nos meses de maio e xuño.