Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

A Semana de Teatro Amador cumpre quince anos

17/04/2025

Os grupos de Caldelas, Pazos de Reis, Randufe e Rebordáns estrean aquí as súas novas obras

A Semana de Teatro Amador cumpre quince anos, sendo unha xa consolidada no programa cultural das Festas de San Telmo e que representa un firme compromiso do concello de Tui coa promoción da creación escénica local e coa posta en valor do teatro feito desde a base.

Desde o seu nacemento, esta iniciativa ten como obxectivo pór en valor o traballo que realizan os grupos de teatro das distintas asociacións culturais tudense, brindándoselles a oportunidade de actuar no Teatro Municipal en igualdade de condicións técnicas e escénicas que as compañías profesionais, recoñecendo así o seu labor.

A XV Semana de Teatro Afeccionado desenvolverase entre o martes 22 e o venres 25 de abril, cunha programación na que todos os grupos tudenses estrean as súas  novas producións, sendo esta cita anual un lugar de referencia para dar a coñecer os seus traballos ante o público.

O grupo de teatro A Insua de Caldelas será o encargado de abrir esta programación o martes 22 ás 21 h coa estea de “Habelas Hainas”. Baixo a dirección de Sofía González en escena Ana Pena González, Marisa Villaverde González, Consuelo Besada Gándara, Rosa María González Núñez, Gabriel López González, Sofía Pimentel Fernández, Josefa Carrera Núñez, Vanesa Villar Costa e María Del Mar Alonso Ubiña. “Habelas Hainas” é unha comedia onde Vicenta, unha vidente un tanto peculiar, e Jonás, o seu asistente escéptico, enfróntanse á morte do Sr. Pérez. Entre unha viúva, espíritos, veciñas excéntricas e a procura da herdanza, a obra explora a tensión entre crenza e realidade, e a importancia de vivir o presente. A obra é unha sátira que, entre risas, convida a reflexionar sobre a vida, a morte e os coidados.

O mércores 23 será a quenda do grupo de teatro Aloia de Pazos de Reis coa estrea de “Cun pé no ceo”. O elenco está formado por Miguel Pazo, Manuel Gomez, Germa Perez, Estela Rey, Eva Pazo , Miguel Enríquez, Marta Pazo, Secundino Dominguez, Merchi Rodríguez e Román Bugarín. Bego Míguez dirixe esta comedia que leva a escena a vida dunha comunidade de veciños, que se  alterada cando, por accidente, se atopan ás portas do ceo.

O xoves 24 ás 21 h no Teatro Municipal o grupo Chirlomirlo Teatro de Randufe estreará “Arraiadas”, unha obra cuxa idea orixinal e o texto é o do propio grupo que “peneirou” historias reais para crear esta proposta teatral.  Na mesma recollen anécdotas de Tui e Tomiño que teñen coma denominador común o “trapicheo”. Amancio Muíños, Alberto Sánchez, Laura Solla, Juan Carlos López, Graciela González, Noelia Solla, Miguel Ángel Martínez, Pablo Alfaya, Pilar Álvarez, Manuel Diz e Marita Giráldez forman parte do elenco que dirixe Areta Bolado.

Pecha esta XV Semana do Teatro Amador o grupo San Fins de Rebordáns con “O amor non ten idade” o venres 25 ás 21 h. Baixo a dirección de Laura Villaverde en escena estarán Concepción Pereira, Concepción Costa, Mª Isabel González,  Angela Oliveira, Katia Rocha, Juana Dávila, Álvaro Iglesias, José Álvarez, Tatiana Pérez e  Álvaro Iglesias. A obra é unha comedia escrita por Laura Villaverde que nos achega a un grupo de mulleres de vila, acostumadas a coidar dos demais, que embarcan nunha viaxe inesperada que as leva da igrexa a un médium e, finalmente, a un programa de televisión. O que comeza como un busca de respostas convértese nun descubrimento máis profundo: nunca é tarde para namorarse... de si mesmas.

As entradas para a XV Semana do Teatro Amador están á venda en tui.gal ao prezo de 2€. O mesmo día da función poderanse mercar no despacho de billetes do teatro dende ás 20 h.

A celebración desta XV edición reafirma a continuidade e consolidación desta iniciativa cultural, froito do traballo conxunto entre o tecido asociativo e o Concello de Tui.  

A concelleira de Cultura, Sonsoles Vicente, anima a “ achegarse ao teatro e desfrutar do gran traballo destes grupos, que cada ano amosan o mellor da súa paixón polo teatro”.

ENTRADAS