Tui reivindica a importancia do meixón e do coidado do Miño na presentación da festa deste produto
Sete establecementos participan nesta edición de 2025
Tui reivindica o meixón coma produto singular e con gran tradición na cidade dende este venres, 11 de abril, até o luns 28 de abril, luns de San Telmo. Sete establecementos ofrecerán, previa reserva, este prezado produto na Festa do Meixón 2025
Este evento gastronómico foi presentado este mediodía no Mercado de San Antonio por parte do alcalde, Enrique Cabaleiro, a concelleira de Comercio e Turismo, Ana Núñez, os representantes dos sete establecementos participantes, os dous viveiros que subministrarán o produto, Angulas Río Miño e Delicias del Miño, e da adega Quiñóns da Insua.
A concelleira de Comercio e Turismo, Ana Núñez, destacou na súa intervención que “o meixón é memoria, sabor, tradición, é a nosa identidade. Aínda hoxe é escaso, e iso fai que os prezos no mercado acaden valores elevados, segue sendo un símbolo da nosa cultura”. Explicou amais coma a imaxe deste ano da festa, plasmada nos carteis anunciadores, continúa a “recuperar a esencia dos carteis dos anos 70”.
En representación dos viveiristas tomou a palabra Uxío Benítez, de Angulas Río Miño, para destacar que este tipo de eventos “son moi importantes para visibilizar este recurso que temos. Que o meixón é un produto que xerou, xera, e aspiramos que poida continuar xerando moita riqueza ao redor do río Miño”. Por iso lanzaba unha mensaxe ás autoridades “que rexen no noso querido río Miño para que tomen decisións valentes para a preservación deste recurso”.
Tamén Miguel Rodríguez, cociñeiro do Parador de Turismo, que tomou a palabra en nome dos restauradores, afirmaba que o “meixón é un produto que deberiamos coidar, e para coidalo temos que coidar o río”, engadía que “esta festa é un xeito de reivindicar que todos deberiamos coidar máis o Miño”.
Por último o alcalde, Enrique Cabaleiro, na súa intervención indicou que este evento gastronómico é “singular e especial” o que dicía “entronca co carácter singular e especial da cidade”. Referíndose aos representantes dos establecementos de restauración participantes afirmou que “hoxe está aquí a elite da cociña tudense e por tanto da cociña galega”. Engadiu que “Tui sempre tivo unha tradición culinaria moi especial, e moi arraigada”. O meixón “é un produto moi identitario da nosa cultura”, polo que sinalou que este ten que ser un acto tamén reivindicativo da nosa identidade, da hostalería local, que leva aportado moito, aporta e seguirá aportando moito ao desenvolvemento económico de Tui, é un acto tamén de reivindicación e posta en valor dos produtores e dos pescadores”. Sumouse tamén o rexedor tudense ao discurso reivindicativo de “protección e defensa do río Miño dende todos os puntos de vista”.
A Festa do Meixón comezará este venres 11 de abril. Este suculento e prezado manxar do Miño poderase degustar até o 28 deste mes, Luns de San Telmo, en sete establecementos tudenses - 4Elementos, Casa Pote, El Molino, Emma Tapas & Brunch, La de Manu, O Novo Cabalo Furado e o Parador de Tui - previa reserva, a un prezo de 80 €.
Esta mañá a presentación contou coa colaboración da adega tudense Quiñóns da Insua.