Música e teatro na programación do mércores e xoves nas festas de San Telmo
Mañá mércores pecha a inscrición para a Carreira Popular de San Telmo e o xoves para a Andaina de San Telmo
Música e teatro centran a proposta da programación para mañá mércores e para este xoves nas festas de San Telmo en Tui, declaradas Interese Turístico Galego.
Mañá mércores a Coral do Centro Sociocomunitario de Tui actuará, ás 16.30 h, na Residencia San Telmo. A música será a protagonista tamén na carpa da Corredoira onde tanto mañá mércores coma o xoves ás 18 h actuará o alumnado e profesorado do Conservatorio Profesional de Música de Tui.
Amais o xoves ás 19 h fará un pasarrúas Barafunda Animación con “O Globador tolo”.
Mentres no Teatro Municipal ás 21 h a cita será con dúas novas estreas teatrais dentro da XIV Semana de Teatro Amador. Mañá mércores o grupo de teatro Aloia de Pazos de Reis representará “Pola sombra dun burro” unha comedia satírica escrita por Friedrich Dürrenmatt que nos achega á liorta entre un asneiro e un dentista pola sombra dun burro. Bego Brass dirixe o elenco formado por Estela Rey, Eva Pazo, Germa Pérez, Manuel Gómez, Marta Pazo, Miguel Enríquez, Miguel A. Pazo, Merchi Rodríguez, Román Bugarín, Samuel Otero, Secundino Domínguez e Candela Souto.
Xa o xoves Laura Villaverde dirixe o grupo de teatro “San Fins” de Rebordáns que levará a escena “A Familia”, unha obra da súa autoría que relata que acontece cando a familia Perillo vende un monte de madeira e decide repartir os cartos cos seus fillos emigrados que deberán vir a Galicia para recibir a súa parte. Sobre o escenario estarán Antonia Novás, José Álvarez, Juana Dávila, Concepción Pereira, Mª Isabel González, Álvaro Iglesias, Concepción Costa, Angela Oliveira e Katia Rocha nesta comedia.
Tanto para a obra do mércores coma do xoves as entradas, a un prezo de 2 €, están á venda en tui.gal até o día da función ás 18 h, e o mesmo día poderán mercarse no despacho de billetes.
Por outra parte mañá mércores, ás 22 h, remata a inscrición para a Carreira Popular de San Telmo que se vai celebrar este sábado, a partir das 11 h, no Paseo da Corredoira. A participación é gratuíta, pero dado o carácter solidario da proba o sábado na recollida de dorsais entregarse un quilo de alimentos non perecedoiros para SOS Tomiño-Baixo Miño. A inscrición pode realizarse en https://clubatletismotui.wordpress.com/.
Mentres o xoves pecha a inscrición para a Andaina de San Telmo que sairá o domingo, ás 10 h, dende a praza da Inmaculada para realizar un percorrido sinxelo, duns 9 quilómetros polo centro urbano. Neste caso o prezo da participación é de 6€ e as persoas interesadas poden anotarse en andatui.es. Esta actividade forma parte do Circuíto de Andainas Saudables da Eurocidade Tui-Valença.
As festas contan co financiamento da liña 2 do Plan + Provincia 2024 da Deputación de Pontevedra.
Mércores 3
- 16.30h – 17.00h No Residencia San Telmo, actuación da Coral do Centro Sociocomunitario de Tui.
- 18.00h – 19.00h Na Carpa da Corredoira, actuación do alumnado e profesorado do Conservatorio Profesional de Música de Tui – CMUS Tui.
- 21.00h – 22:10h No Teatro Municipal, XIV Semana de Teatro Amador co grupo Aloia de Pazos de Reis. Estrea de “Proceso pola sombra dun burro”.
Xoves 4
- 18.00h – 19.00h Na Carpa da Corredoira, actuación do alumnado e profesorado do Conservatorio Profesional de Música de Tui – CMUS Tui.
- 19.00h – 20.00h Na Corredoira, pasarrúas “O Globador Tolo” de Barafunda.
- 21.00h – 22:00h No Teatro Municipal, XIV Semana de Teatro Amador co grupo San Fins de Rebordáns. Estrea de “A Familia”.