Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Xornadas Europeas da Cultura Xudía. Microrelatos "As viaxes de Baltasar Saravia"

4/09/2018

Xornadas Europeas da Cultura Xudía 2018  #AEPJ2018 #storytelling2018

MICRORELATOS "As viaxes de Baltasar Saravia" 

Unha das opcións dos xudeo conversos senón querían soportar a presión inquisitorial co cárcere e a infamia era a fuxida a outros lugares de Europa onde poder practicar as súa antiga relixión. En Tui estas fuxidas empregábanse como probas da culpabilidade dos conversos na súa persistencia no xudaismo. Estas probas manifestaríanse nos Estatutos de Limpeza de Sangue da Catedral de Tui en 1601 para atacar á familia Coronel, de orixe xudía. Sinalaban as testemuñas como en 1595 tiña fuxido de Baiona a familia de Beatriz Álvarez prima dos Coronel, cara lugares de Europa onde se practicaba o xudaismo. Beatriz Álvarez marcharía co seu pai o escribano de Salvaterra Rodrigo Álvarez e a maioría dos seus fillos.

Anos máis tarde, en 1625, en Cartagena de Indias un dos fillos menores de Beatriz Álvarez, Baltasar Saravia, relataba aos Inquisidores a viaxe emprendida desde Baiona coa sua familia. O primeiro lugar onde chegaría Baltasar sería Flandes, desde alí encamiñaron a Venecia, lugar onde existía unha forte comunidade sefardí. Durante uns meses terían a aprendizaxe no xudaismo e serían circuncidados os varóns da familia. Baltasar sería rebautizado como Abraham Seneor lembrando así o nome máis importante da familia. Desde Venecia sairía a Salónica, verdadeiro obxetivo da viaxe, pero Baltasar acompañaría ao seu irmán maior, prateiro,  ás feiras e sobre todo a Alexandria, lugar onde o seu irmán Bastián morrería. Baltasar só, voltaría a Baiona para ver a súa irmá Felipa. O perigo da Inquisición xunto das ameazas dos seus familiares, temerosos do Santo Oficio, faría que Baltasar abandonase de novo Galicia e fose buscar a súa nai quen se tiña mudado a Estambul abrindo unha botica. As inquedanzas de Baltasar o levaría a querer abandonar a súa fe e vía España viaxar ao virreinato de Perú, onde se establecería como mercader na cidade de Antioquía co nome de Baltasar de Araujo. Sería procesado polo Santo Oficio de Cartagena de Indias, relatando as súas viaxes e revelando a identidade de varios sefarditas na rexión. A colaboración de Baltasar permitiríalle unha pena leve, seis meses de sambenito. É probable que Baltasar chegase a voltar ao bispado de Tui para rematar as súas viaxes na terra onde naceu.