Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Xornadas Europeas da Cultura Xudía. Microrelatos "A prisión de Antonia Saravia"

4/09/2018

Xornadas Europeas da Cultura Xudía 2018  #AEPJ2018 #storytelling2018

Microrelatos "A prisión de Antonia Saravia"

Era a muller do mercader Thomé Coronel, cuñada do coéngo de Tui Francisco Coronel. Antonia viña de familia de médicos e mercaderes de orixe xudía que se asentarían no bispado de Tui a mediados do século XVI. A fortuna de Antonia era moi notable, chegaría a participar nos negocios do seu home e do seu sogro o banqueiro San Juan Coronel.

O Santo Oficio abriría causa contra ela en 1609 do mesmo xeito que contra outros membros da poderosa familia Coronel. Pero non sería ata febreiro de 1616 cando as testemuñas contra ela se acumulen de tal xeito que a leven a prisión. No Tribunal de Santiago tentará por todos os medios evitar os cargos que tiñan contra ela procurando que tamén amigos e familiares tivesen indiscrecións . De aí que empregara todos os seus esforzos en contactar con outros presos no cárcere inquisitorial. Un primeiro intento a levaría a pasar uns papeis por medio dunha criada. Interceptada a criada polo Santo Oficio Antonia Saravia negaría toda implicación. O seguinte intento a levaría a contactar co preso que estaba na celda inferior, na crenza que estaba no cárcere polos mesmos motivos, o xudaismo. O preso alertaría aos inquisidores que sen descubrir nada darían continuidade aos coloquios de Antonia co preso pero desta vez con testemuñas e o notario do Santo Oficio recollendo a conversa. Leidas a Antonia Saravia as súas conversas co preso veciño seguiría negando todo. Debido ao seu precario estado de saúde non era posible a tortura para extraer unha confesión pero o número de testemuñas incluidas algunhas de familiares directos acabarían condenando a Antonia Saravia. Sería reconciliada con imposición de hábito, sambenito e confiscación de bens, aínda que chegando a un acordo económico que lle evitaba o cárcere. O sambenito de Antonia Saravia ficaría colgado na Catedral de Tui, é un dos conservados ata hoxe, pero tamén conserva a cidade o nome de Antonia Saravia nun barrio, lugar de Riomuíños onde posuían casas e granxas os Coronel e os Saravias.

(Autor do texto Suso Vila)