Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

A XI Semana de Teatro Amador presenta seis obras a cargo de grupos tudenses

17/04/2019

Celebrarase do 22 ao 27 de abril no Teatro Municipal de Tui

O Teatro Municipal de Tui  acollerá do luns 22 ao sábado 27 de abril, coincidindo coas festas de San Telmo, a XI Semana do Teatro Amador, coa participación dos grupos de teatro tudenses.  A presentación deste evento tivo lugar esta mañá na casa do concello a cargo do alcalde de Tui, Carlos Vázquez Padín, o concelleiro de Cultura, Eduardo Freiría, xunto a representantes dos grupos de teatro participantes: Compañía Artística Interdisciplinar do Espazo Xove, Atalaia do Centro Sociocomunitario de Tui, Aloia da Asociación Aloia de Pazos de Reis, Chirlomirlo e Garabullada da Asociación Xuntanza  de Randufe, e San Fins da Asociación San Fins de Rebordáns.

O alcalde, Carlos Vázquez Padín, felicitou aos grupos participantes polo seu traballo, que dicía require un esforzo importante, congratulándose de que continúe a tradición do teatro amador no municipio. Ao tempo destacou a incorporación a esta programación da Compañía Artística Interdisciplinar do Espazo Xove e do grupo infantil Garabullada da asociación cultural Xuntanza de Randufe. Rematou desexando “longa vida á Semana do Teatro Amador”.

O concelleiro de Cultura, Eduardo Freiría, referiuse a esta proposta teatral coma “o evento cultural das festas que máis público atrae e que máis éxito tivo”. Engadiu que esta Semana pretende achegar ás instalacións do Teatro Municipal aos grupos de teatro amador que hai no municipio. Agradeceu aos distintos grupos a súa participación e estes dez anos de éxitos.

A XI Semana do Teatro Amador comezará o luns, 22 de abril, ás 19h coa estrea da Compañía Artistica Interdisciplinar do Espazo de Tui co obra con “Futuro, amor e outras movidas”. Na mesma segundo explicaron Alexia Castiñeira e Sara Paloma Saavedra prenden amosar os intereses dos adolescentes, empregando o teatro coma medio de expresión.

O grupo de teatro Atalaia do Centro Sociocomunitario de Tui presentará o martes, 23 de abril, ás 21 h “Nin fe nin café” , unha comedia moi divertida, en palabras de Maximino Fernández, un dos actores, que dicía “a xente tardará en esquecer”.   O mércores, 24 de abril, ás 21h será a quenda do grupo de teatro da asociación Cultural Aloia de Pazos de Reis con “Tres sombreiros altos”, unha obra de Miguel Miura ambientada nos anos 50’, que é novidosa para o grupo coma apuntaba Secundino Domínguez.  O xoves, 25 de abril, ás 21 h o grupo Chirlomirlo da Asociación Cultural Xuntanza de Randufe presentará unha adaptación libre “Miles gloriosus” segundo explicou Ricardo Álvarez. Xa o venres, 26 de abril, ás 21 h Asociación Cultural San Fins de Rebordáns porá en escena a obra “Bar Manolo”, un bar cunha situación peculiar a carón dun cemiterio coma avanzaba Tonia Novás. Mentres o grupo de  teatro infantil Garabullada da Asociación Cultural Xuntanza de Randufe pechará esta Semana de Teatro Amador o sábado, 27 de abril, ás 19 h con “O segredo de Daniel”. A obra coma explicou Alberto Sánchez, vai dirixida a público familiar e nos conta a historia dun neno que descobre un mundo sorprende a través dun libro.

As entradas sen numerar poranse á venda media hora antes do comezo de cada función ao prezo de 1,5€. Unha vez iniciado o espectáculo non se poderá acceder ao patio de butacas.

PROGRAMA:

  • Luns 22 ás 19:00 h
    • Compañía Artística Interdisciplinar do Espazo Xove de Tui. 90 minutos.
  • Martes 23 ás 21:00 h
    • Grupo de teatro Atalaia do Centro Sociocomunitario de Tui con “Nin fe nin café”. 30 minutos.
  • Mércores 24 ás 21:00 h
    • Grupo de teatro da asociación Cultural Aloia de Pazos de Reis con “Tres sombreiros altos”. 60 minutos.
  • Xoves 25 ás 21:00 h
    • Grupo de teatro Chirlomirlo da Asociación Cultural Xuntanza de Randufe con “Miles gloriosus”. 70 minutos.
  • Venres 26 ás 21:00 h
    • Grupo de teatro da Asociación Cultural San Fins de Rebordáns con “Bar Manolo”. 75 minutos.
  • Sábado 27 ás 19:00 h
    • Grupo de teatro infantil Garabullada da Asociación Cultural Xuntanza de Randufe con “O segredo de Daniel”. 40 minutos.