Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Un total de 950 escolares de Tui participaron nas visitas guiadas ao conxunto histórico

20/05/2008

UN TOTAL DE 950 ESCOLARES DE TUI PARTICIPARON NAS VISITAS GUIADAS AO CONXUNTO HISTORICO

Onte luns, 19 de maio, desenvolveuse a última visita prevista ao abeiro do programa que puxo en marcha o Concello de Tui para visitas guiadas de carácter didáctico para os alumnos dos centros de ensino do noso concello.

Ao longo dos últimos meses foron un total de 950 rapaces que participaron nestas actividades que tiñan como obxectivo achegar ao coñecemento do noso conxunto patrimonial aos rapaces de Tui para que o coñecese e valorizasen, ao tempo qus se promovian valores de respeto polo patrimonio cultural.

As visitas estaban guiadas por unha licenciada en Historia da Arte, Sara Quintana Vila, que acompañada por unha auxiliar, Virgina López Zabala, artellaron tres posibles percorridos polo conxunto histórico tudense para que os diversos grupos escollesen en función das súas necesidades de aprendizaxe e idades.

Ao través dos cuestionarios de avaliación da visita realizados de xeito anónimo polos profesores puidemos coñecer que esta iniciativa é valorada moi positivamente, existindo unha unánime petición de continuidade deste programa.

Para o Concelleiro de Cultura tudense este programa de visitas guiadas ao conxunto histórico tudense era unha vella aspiración que neste curso foi posible poñer en marcha, cunha positiva resposta dos centros educativos. Moisés Rodríguez expresa a súa satisfacción porque case un milleiros de nenos e nenas tudenses se teñan achegado ao seu patrimonio, coñecéndoo máis polo miúdo o que de seguro implica a súa valorización por este rapaces.

Con esta experiencia o Concello de Tui continúa impulsando accións que contribúen á posta en valor do noso patrimonio, entendido como o principal recurso da nosa cidade, tamén neste ámbito educativo.

Dende a Concellería de Cultura agradécese a participación dos diversos grupos escolares e as súas suxestións que contribuíron ao enriquecemento deste programa educativo.