Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Un total de 251 alumnos de colexios de Tui participan mañá martes na primeira proxección deste curso do programa “O cine nas Aulas”

22/10/2018

Os alumnos recollerán as unidades didácticas elaboradas pola técnica de prevención do Concello de Tui coas que traballarán nas aulas

O alumnado de 5º e 6º de primaria dos CEIP’S Pazos de Reis, Nº1 e Nº2 e do Colexio Maristas Santa María, participarán mañá martes, 23 de outubro, na primeira proxección deste curso do programa “O Cine nas Aulas” no Teatro Municipal de Tui. Amais os escolares do CEIP de Randufe verán a película no propio centro. En total participarán 251 alumnas e alumnas nesta actividade.

No filme previsto coñecerán a historia Auggie Pulman, un neno de dez anos con deformidades faciais a causa dunha enfermidade rara chamada Síndrome de  Teacher Collins. Tras cerca de 27 operacións, Auggie ten que enfrontarse  ao seu primeiro día de colexio nunha nova escola.

O alumnado recollerá tras a sesión as unidades didácticas elaboradas pola técnica de Prevención do Concello e coas que traballarán despois nas aulas xunto ao profesorado. O obxectivo é que os alumnos traballen na prevención a partir das películas que forman este programa e todo o material adxunto que sirve como soporte para tratar diversas materias transversais que resulten de interese para cada docente.

O vindeiro 6 de novembro, terá lugar unha nova sesión do programa “O cine nas aulas” na que participarán 232 alumnas e alumnos de 2ª da ESO do IES San Paio, Indalecio Pérez Tizón, Seminario San Paio e Colexio Marista Santa María.