Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Un erro nunha resolución da Xunta impide contratar a 4 persoas para Protección Civil en Tui

30/09/2017

A concesión sinalaba 4 socorristas e non un coordinador e 3 peóns coma se solicitara. A non ampliación do prazo fixo que non se puidera realizar o proceso no tempo establecido

O Concello de Tui non poderá contratar a catro persoas para o servizo de Protección Civil ao non poder acceder a unha achega, por importe de 12 mil euros da Consellería de Economía, Emprego e Industria, ante a imposibilidade de proceder á contratación no tempo marcado na resolución de concesión da subvención que era o pasado 15 de setembro.

O problema xurdiu a raíz dun erro detectado na primeira resolución de concesión da axuda por parte da Consellería remitida ao concello de Tui onde figuraba coma persoal a contratar catro socorristas, cando a solicitude presentada polo Concello era para 1 coordinador e 3 peóns. Detectado o erro e comunicado á Xunta, enviouse unha nova resolución, con data de entrada o 11 de setembro no Concello,  xa cos postos solicitados pero mantendo como prazo para realizar a contratación o 15 de setembro. A xunta denegou a solicitude de prórroga de inicio do contrato realizada o mesmo 11 de setembro   “por non xustificar debidamente a excepcionalidade necesaria para o seu outorgamento” cando dende o concello na solicitude de prórroga se apuntaba a ampliación do prazo de  xeito excepcional e debido a causas xustificadas – erro na denominación do posto de traballo - non imputable ao Concello de Tui.