Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Últimos días para participar na camapaña "Mobilízate coa selva" para a reciclaxe de móbiles

12/01/2010

ÚLTIMOS DÍAS PARA PARTICIPAR NA INICITIVA "MOBILÍZATE COA SELVA" PARA A  RECICLAXE DE MÓBILES

 

A Biblioteca Municipal de Tui é o punto de recollida dos teléfonos para a súa reciclaxe co fin de protexer os ecosistemas africanos

 

Os veciños que queiran participar nesta iniciativa todavía poden depositar o seu móbil en desuso (en funcionamento ou non) no punto de recollida habilitado polo concello e que está situado na Biblioteca Pública Municipal (Edificio Área Panorámica) Colón, 2. Este punto de recollida estará habilitado ata o vindeiro 15 de xaneiro. O teléfono deberase entregar coa batería pero sen o cargador, a tarxeta SIM ou calquera outro elemento.

 

Na actualidade, a taxa de reciclaxe de móbiles é inferior ao 5% e, por outra banda, tan só en España existen máis de 52 millóns de liñas telefónicas. A este número hai que engadir todos aqueles aparatos que se cambian e que os cidadáns gardan ou tiran ao lixo. Toda esta cantidade de teléfonos, xunto con outras tecnoloxías como os ordenadores ou as consolas, fabrícanse con coltán. Este é un mineral que se extrae na República Democrática do Congo con man de obra semiescravizada onde, ademais, se destrúen os hábitats de moitas especies africanas tales como os chimpancés e os gorilas.

 

A reciclaxe de móbiles axuda a reducir a demanda dos seus compoñentes, entre eles o coltán, e a tratar adecuadamente os materiais tóxicos evitando así a degradación do medio ambiente. Fonebank, a entidade que trata a reciclaxe dos móbiles, aportara unha parte do valor dos terminais ao Instituto Jane Goodall; polo que esta iniciativa axuda a recadar fondos para os programas de educación e de conservación no Congo, como o que esta levando a cabo o Centro de Recuperación de Chimpancés de Tchimpounga.

 

A iniciativa do Instituto Jane Goodall (IJG), conta en Galicia coa colaboración do CEIDA (Centro de Extensión Universitaria e Divulgación Ambiental de Galicia) e a Obra Social Caixa Galicia. Mobilízate pola selva é unha campaña que se está a desenvolver por distintos puntos de toda Galicia (concellos, centros educativos, entidades bancarias,...) e que se puxo en marcha tras a sinatura dun convenio de colaboración entre CEIDA e o Instituto Jane Goodall. O IJG fundouse en 1977 pola afamada primatóloga e naturista inglesa Jane Goodall, que visitou Galicia o pasado mes de maio. O IJG, implantado en trinta países do mundo, leva a cabo diferentes programas de investigación e conservación en África, destacando o Parque Nacional de Gombe en Tanzania, o Centro de Recuperación e Reserva de Tchimpounga (República do Congo), o santuario de Ngamba Island (Uganda) e outros en Guinea, Senegal, Gabón e Sudáfrica. O IJG implica á poboación local para desenvolver os seus proxectos.

 

Con esta iniciativa da Biblioteca Municipal tudense súmase a campaña "Mobilízate pola selva" e contribue a promoción de actitudes medioambientais e sostibles entre a poboación. Para o concelleiro de cultura tudense, Moisés Rodríguez, a participación da Biblioteca nesta campaña forma parte do seu traballo de promocionar a información entre os nosos veciños, promovendo  valores, como neste caso, o respeto ao medio ambiente e a sustentabilidade., baseados na reciclaxe e na reutilización.